A alcaldesa de Lugo e o concelleiro de Deportes supervisaron as obras, que contan cun investimento municipal de 10.000 euros
Lara Méndez: “Son instalacións moi frecuentadas e agora dámoslle un novo pulo cunha nova pista, que ten, ademais, as medidas regulamentarias para competicións oficiais”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, supervisaron as obras de ampliación e renovación que o executivo municipal executa nas instalacións dedicadas ao deporte da petanca no Parque de Frigsa, inauguradas durante o pasado mandato, dando resposta así a unha petición veciñal.
A rexedora explicou que se trata dunhas instalacións “moi frecuentadas polos afeccionados a este deporte, por iso queremos darlles un novo pulo. Neste senso, destinamos 10.000 euros á creación dunha nova pista, que se une as dúas xa existentes, e que contará coas medidas regulamentarias para albergar competicións oficiais; e, por outra banda, acometemos a instalación de novo alumeado e a colocación de bancos”.
As obras, que se atopan na súa fase final, incluiron: a apertura de zanxa da nova pista; excavación, compactación e colocación de capas de zahorra e grava fina; construción de dúas soleiras e colocación de dous bancos; e a instalación de novos puntos de alumeado.
Pola súa banda, Miguel Ferández destacou a importancia deste xogo na poboación por dous motivos fundamentais, “por unha banda, porque favorece a actividade física, polo tanto a calidade de vida, e pola outra, porque axuda á socialización, pois este espacio converteuse nun lugar de encontro e relación das persoas”.
O Concello habilitou en xuño do 2017 dúas pistas de petanca no Parque de Frigsa, con acceso libre e gratuíto, ampliando deste xeito a oferta deportiva e de lecer na cidade. Grazas a estas instalacións Lugo acolleu por primeira vez un campionato desta modalidade deportiva, con gran tradición e popularidade.