O Concello acondicionará viais municipais, que dan servizo a máis dun cento de veciños da parroquia de Labio

Miguel Fernández deu conta destas actuacións que executará a entidade local, enmarcadas dentro do plan de mellora previsto para os máis de 1.000 quilómetros de pistas das 54 parroquias e para dar resposta ás peticións veciñais

Mércores, 31 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, informou este mércores das actuacións que levará a cabo o Concello para acondicionar os viais municipais da parroquia de Labio e que dan servizo a máis dun cento de veciños e veciñas. Estes traballos favorecen a comunicación e a calidade de vida da veciñanza do rural lucense.

Estas obras súmase a outras que o Concello acomete no rural para mellorar os servizos e infraestruturas públicas, como as que executará nos próximos días nas parroquias de Pías e Lamas. Todas elas enmárcanse dentro do plan de mellora que a entidade local está a acometer nos máis de 1.000 quilómetros de pistas das 54 parroquias.

Aposta polo rural
Con todas estas medidas o Goberno municipal dá resposta as peticións da veciñanza das distintas parroquias, ademais de responder á decidida aposta do Concello polo rural, co que se pretende fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños e veciñas.

Outro exemplo disto é a recollida diferenciada e individualizada de plásticos agrícolas porta a porta nas instalacións agrarias do municipio, que recentemente anunciou a Alcaldesa e coa que se pretende facilitarlle a vida aos veciños e veciñas, ademais de eliminar un problema ambiental, como é a aparición de vertedoiros incontrolados.

O gandeiro ou produtor pode acceder a este servizo municipal de xeito gratuíto, mediante unha simple chamada telefónica a Urbaser ao 982-25-44-83 ou ao teléfono de atención cidadá 010, onde solicitará a recollida dos plásticos agrícolas. Nun período máximo de 15 días, Urbaser procederá á recollida na porta dos residuos e xestionará a súa trazabilidade, asegurándolle ao produtor que realiza a racionalización dos residuos.

Noticias relacionadas