O Centro de Emprendemento municipal abre unha canle de comunicación directa para resolver consultas sobre a actividade empresarial durante o confinamento

O CEI-Nodus ofrecerá orientación e dará respostas as dúbidas laborais, sobre tramitación de axudas ou prazos que poidan ter as empresas e autónomos.

As orientadoras laborais permanecerán operativas para atender aos usuarios.

 
Xoves, 26 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Centro de Emprendemento municipal abre unha canle de comunicación directa para resolver consultas sobre a actividade empresarial durante o confinamento

O Goberno de Lara Méndez pon en marcha novas medidas de apoio ao sector produtivo da cidade, tamén a nivel informativo. Nesa liña, o CEI – Nodus acaba de crear unha liña de comunicación directa para que tódalas persoas interesadas poidan trasladar as súas dúbidas aos técnicos do Centro Emprendemento municipal e realizar as consultas que precisen ao respecto de calquera actividade empresarial.

“Debido a esta situación excepcional que estamos a atravesar, de crise sanitaria sen precedentes, durante a cal a maioría das pemes locais e negocios non considerados esenciais tiveron que pechar as súas portas e buscar outros sistemas de funcionamento alternativos aos habituais, comezamos a recibir no CEI moitas chamadas pedindo asesoramento e máis datos sobre as medidas artelladas polo goberno local para sobrelevar o período e as consecuencias do confinamento”, indicou Mauricio Repetto.

O edil de Desenvolvemento Local e Emprego explicou que “foi precisamente esa percepción de necesidade de información o que motivou ao equipo do CEI – Nodus a deseñar esta iniciativa a través da cal as e os emprendedores, desempregados, traballadores, autónomos e empresarios poderán realizar as súas preguntas sobre subvencións dispoñibles e axudas extraordinarias, procedementos de apertura ou peche, ERTES, reducións de xornada así como calquera outro tipo de trámite de índole laboral”.

“A canle habilitada para facelo é o correo electrónico cei@lugo.gal. E, de forma simultánea a esta dirección permanecerán operativas tamén as liñas teléfonicas 608.842.221 e 606.405.745 onde dúas orientadoras laborais atenderán ás e aos usuarios”, referiu Mauricio Repetto como algunhas das medidas dispostas pola súa área dende que se decretou o Estado de Alarma.

O concelleiro quixo enviar tamén unha mensaxe de ánimo ao sector empresarial ao que cualificou como “un dos principais motores e dinamizadores económicos do municipio ao que, nestes duros momentos, brindamos toda a nosa colaboración e apoio”, concluíu.

Noticias relacionadas