No día de hoxe constituíuse a Mesa do Transporte Público

As novas liñas melloran as frecuencias conexións norte-sur e do HULA

Rubén Arroxo: “no futuro esta mesa convertirase na mesa de Mobilidade, para chegar a acordos e converter así a Lugo nun referente desta materia”

Martes, 30 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
No día de hoxe constituíuse a Mesa do Transporte Público

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presidiu durante a mañá de hoxe a primeira xuntanza da Mesa do Transporte Público. Nesta xuntanza, na que  participaron representantes de todos os grupos municipais, analizouse a proposta de novas liñas que fixo a empresa concesionaria.

Esta nova proposta, incrementa as liñas nun 19%, ademais de reforzar as conexións co polígono das Gándaras e mellorar as frecuencias das conexións norte – sur e do HULA. Segundo Arroxo, “esta proposta, cunhas pequenas modificacións, cumprirá coa visión do transporte público que temos dende a área de Mobilidade, e agardamos ter un consenso co resto de grupos nas próximas xuntanzas”.

Dende a área de Mobilidade cumpriuse co compromiso de convocar esta mesa durante o primeiro mes do goberno, segundo Rubén Arroxo, “debe ser a primeira vez que se cumpre un acordo plenario antes de que chegue ao pleno”. Rubén Arroxo indicou que “apostamos por unha transformación importante no servizo co fin de conseguir reducir o tráfico en Lugo e unha mobilidade máis sostible”.

Mesa de Mobilidade

Rubén Arroxo indicou que estas xuntanzas continuarán unha vez se acorden as liñas do transporte público. “A mobilidade é unha peza estratéxica para o concello”, afirmou o Tenente de Alcalde, e engadiu “no futuro esta mesa de Transporte Público converterase na mesa de Mobilidade para chegar a acordos  co resto de grupos  e converter Lugo nun referente desta materia”.

Audio

  • O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a mesa de contratación | Descargar mp3

Noticias relacionadas