A Ministra Teresa Ribera destaca a Lugo como exemplo da resposta que dende as Administracións locais se pode dar ante o cambio climático

A Ministra acompañada pola alcaldesa de Lugo, coñeceu o Impulso Verde, o primeiro edificio público construído con madeira local na súa totalidade, así como o resto dos proxectos LIFE.

A Vicepresidenta Terceira do Goberno fixo fincapé no feito de que Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia fomentando a creación de novos barrios e facilitando emprego.

Lara Méndez trasladoulle á Ministra os proxectos de modernización e dixitalización do ciclo da auga así como os dous cintos verdes.

A alcaldesa amosou a súa satisfacción porque o Ministerio de Transición Ecolóxica sitúe a Lugo como un exemplo do coidado do medio ambiente e do fomento da economía verde e circular.

A ministra felicitou á rexedora pola súa aposta decidida pola sostibilidade como eixo central nas actuacións e proxectos que se están a levar a cabo na cidade.

Xoves, 06 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Ministra Teresa Ribera destaca a Lugo como exemplo da resposta que dende as Administracións locais se pode dar ante o cambio climático

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou hoxe a súa satisfacción pola valoración realizada pola Ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, que cualificou á cidade de Lugo  como “un exemplo da resposta que dende as Administracións locais se pode dar aos retos  que presenta a emerxencia climática”.

Atendendo a invitación que lle fixo a rexedora, a tamén Vicepresidenta Terceira do Goberno visitou esta mañá, o edificio Impulso Verde, “símbolo referente e pioneiro da segunda gran transformación da cidade, tanto dende o punto de vista ambiental como económico, por ser a nosa provincia a principal produtora forestal de toda a comunidade”, apuntou Méndez.

Pola súa parte, a ministra felicitou á rexedora pola aposta decidida que está a facer polas políticas verdes como eixo central nas actuacións e proxectos que se levan a cabo na cidade,  describindo estas actuacións como “un exemplo claro do que se pode facer desde os Gobernos locais, pensando no territorio, nas persoas e en como compatibilizar, nun momento tan complicado como este, desde o punto de vista enerxético, a xestión dos recursos atopando solucións que non só sexan compatibles con medio ambiente se non innovadoras e que, por outra banda, xeren emprego e aforren en consumo de recursos básicos”.

A Vicepresidenta Terceira do Goberno fixo fincapé no feito de que Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia, e “o feito que desde o Concello, en colaboración coa Deputación Provincial e a Universidade, fomenten a creación de novos barrios moito máis saudables para as persoas pero tamén motivadores e facilitadores de emprego, é unha excelente noticia” finalizaba Ribera.

A alcaldesa lucense destacou moi positivamente a senda establecida polo Ministerio que dirixe Ribera, para apoiar e favorecer, a través da achega de Fondos Europeos,  iniciativas como as lucenses encamiñadas ao coidado do medio ambiente e ao fomento da economía verde e circular, destacando que “levamos máis de seis anos defendendo a necesidade de transformar Lugo para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, mediante a execución – baixo parámetros de sostibilidade -  de proxectos nos que empregamos a madeira como principal elemento estrutural, na mesma liña do Impulso Verde”, explicou, en alusión ao futuro centro de Servizos Sociais de Lamas de Prado, enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, ou ao proxecto Lugo Sport Life, un novo pavillón multidisciplinar que se proxecta na contorna do barrio multiecolóxico da Garaballa.

A rexedora explicou que este tipo de construccións en madeira permiten “no caso do Impulso Verde, emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa, nunha alta porcentaxe, a reducir o efecto invernadoiro”.

Antes de rematar o percorrido a través do Impulso Verde, Méndez explicou polo miúdo as estratexias e proxectos para o municipio aliñados cos obxectivos fixados pola Axenda europea e española, que son clave para poder optar con máis forza aos fondos europeos e a “folla de ruta para avanzar no modelo de cidade integrador, resiliente e confortable que buscamos”, concluíu a alcaldesa.

A alcaldesa trasladoulle a Ribera, os proxectos que Lugo esta preparando para presentar aos fondos europeos dependentes do Ministerio de Transición Ecolóxica, como son os PERTE de modernización e dixitalización do ciclo da auga e o peche do cinto verde exterior da cidade e a creación dun cinto verde interior na mesma.

Durante o percorrido, ámbalas dúas mandatarias estiveron acompañadas polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos e Manuel Guaita, director de Pemade e catedrático do Campus Terra.

Noticias relacionadas