Ferreiro: "a rede de escolas infantís municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende a todas as facetas da aprendizaxe".
A edil de Cultura participou nas actividades da Escola Infantil María Wonenburger, ubicada na Piringalla.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitaron a Escola Infantil María Wonenburger, ubicada no barrio da Piringalla, onde na mañá de hoxe se celebrou unha festa de fin de curso. Maite Ferreiro destacou o "importante papel" das escolas infantís "no desenvolvemento harmónico e integral das nenas e nenos, realizando ademais un importante labor de apoio á función educativa da propia familia á vez que facilita o acceso dos pais e nais ao mundo laboral".
As escolas infantís municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o entorno físico. O compoñente asistencial está referido á prestación de todos os coidados necesarios como a hixiene, limpeza, o cambio de roupa, manutención e atención á saúde dos menores.
Ferreiro explicou que o Concello realiza un investimento anual superior a 1.5 millóns de euros para o mantemento das escolas, “desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo para cumprir cunha competencia, a educación infantil de 0 a 3 anos, que é da Xunta de Galiza", e engadiu "seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas”.

