Lugo goza coa chegada dos Reis Magos á cidade, en carrozas "de conto"

A Alcaldesa, acompañada da Concelleira de Cultura, deulle a benvida á cidade a Melchor, Gaspar e Baltasar, que atenderon a todos os nenos e nenas que lle quixeron trasladar os seus desexos

Sábado, 05 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os Reis Magos chegaron esta tarde a Lugo en carrozas "de conto". Tras percorrer a rúa Monte Faro, Avenida da Coruña, Porta de San Fernando, Praza de Ferrol, rúa Bolaño Rivadeneira, rúa Quiroga Ballesteros, Prazo de Santo Domingo e rúa da Raíña, chegaron á Praza Maior, onde os recibiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e outros membros do equipo de  Goberno e da Corporación Municipal.

Posteriormente, Lara Méndez mantivo un pequeno encontro con Melchor, Gaspar e Baltasar no despacho, onde lles agasallou tres figuriñas. Logo de coller folgos, e xa dende o balcón, Melchor dirixiuse a todos os cativos e cativas que agardaban na Praza Maior.

Lara Méndez desexoulle a todos os veciños e veciñas na noite máis agardada do ano que se cumpran os desexos de todos e cada un deles ao longo deste 2019. Pola súa banda, os Reis Magos desexáronlles a todos os presentes, e especialmente os cativos e cativas, un "ano perfecto, insuperable e magnífico, con éxitos a feixes".

No encontro repartíronse máis de 2.000 quilos de caramelos e os Reis Magos agasallaron, con 3.000 paquetes de lambetadas, a todos os nenos e nenas que lles quixeron trasladar os seus desexos.  

Na xornada, coa que colaborou Abanca, Gadis, CaixaBank, o Centro Comercial As Termas e Carrefour, estiveron presentes catro carrozas, unha por rei, inspiradas en contos de Disney, e unha de chuches e paxes. Tamén participou unha deseñada por Corazón Artesáns.

A tarde estivo amenizada por grupos teatrais e musicais tradicionais de Lugo, ademais dos nenos e nenas que participaron no obradoiro de panxoliñas organizado polo Concello no Vello Cárcere ao longo do Nadal. Pechaba a comitiva da cabalgata, da que formaban parte tamén Somos Unidos por el Cáncer, personaxes fantásticos e elfos, os Festicultores, coa súa característica diversión.

Noticias relacionadas