A Alcaldesa asinou hoxe o protocolo para levar a cabo esta campaña, que arrincará mañá venres 18 e rematará o 25 de novembro

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou este xoves no Pazo de Raxoi o protocolo da campaña En Negro Contra a Violencia, á que se sumou a entidade local luguesa, xunto a outros 16 concellos galegos, para sensibilizar á cidadanía contra a violencia de xénero no eido municipal, a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas.Tamén se quere implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais. No acto tamén estiveron presentes os alcaldesas e alcaldesas de Ames, José Manuel Miñones, Ribadeo, Fernando Suárez, Santiago, Martiño Noriega, Sarria, Pilar López, Vilalba, Agustín Baamonde e Zas, Manuel Muíño, así como os concelleiros e concelleiras de igualdade de Cangas, Tomás Hermelo, Carballo, María del Carmen Ures, A Coruña, Rocío Fraga, Ferrol, Saínza Ruíz, Poio, Rosa Fernández; Sada, Isabel Reimúnde, Teo, Ignacio Iglesias e Tui, Laureano Alonso.
A campaña arrincará mañá venres, 18 e rematará o 25 de novembro de forma simultánea en todos os concellos adheridos. De momento son case 2.000 os establecementos e entidades que participarán na campaña nos 17 concellos. Poden consultarse estes datos, así como descargar material da campaña, no enderezo electrónico www.ennegrocontraaviolencia.gal
Durante o acto, Lara Méndez lembrou as cifras de mulleres asasinadas durante este 2016 e manifestou que “con esta sinatura amósase que hai unha soa cor, o negro, para visualizar unha lacra social que nos afecta a todos e a todas”. Méndez quixo agradecer tamén a toda a sociedade luguesa pola implicación na campaña”.
O Alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quixo agradecer a presenza no día de hoxe dos concellos asinantes e lembrou que "a lacra das violencias machistas é unha cuestión que afecta a toda a sociedade”. Engadiu que é preciso reivindicar un pacto de Estado e a unión de todos os partidos políticos ante isto, como estamos a facer estes 17 concellos dende o ámbito municipal. O rexedor compostelán reivindicou "a rede que hoxe se segue a tecer entre todos os concellos e que vai máis alá da institución mandando unha mensaxe clara".
Tamén tivo palabras de agradecemento o alcalde de Ames, José Miñones, que destacou "o labor que fan os e as traballadoras sociais dos concellos no día a día" e indicou que este tipo de iniciativas que xorden dende o local "teñen un maior impacto e chegan máis á sociedade civil".
Pola súa parte, o rexedor de Vilalba, Agustín Baamonde, asegurou que "non só asumo este compromiso como alcalde, senón que o fai toda a sociedade civil vilalbesa". Baamonde lembrou que o nome da súa localidade significa vila branca, pero que durante esta campaña "tínguese de negro con 250 establecementos adheridos".
Outra das intervencións foi a da alcaldesa de Sarria, Pilar López, quen considerou "crucial contribuír entre todos e todas a remover conciencias" e fixo unha especial referencia "ao importante labor que fan os CIMs de cada localidade". López salientou as cifras de participación na campaña, que superan os 1.900 establecementos en toda Galicia.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo fincapé nas poucas competencias que teñen os concellos a nivel económico e normativo, ao mesmo tempo que incidiu "no feito de que sexamos a Administración máis próxima á cidadanía". Fernando Súarez felicitou a todos os concellos por participar e asegurou que "hoxe estamos a ser un exemplo de unidade para toda Galicia".
Por último o rexedor de Zas, Manuel Muíño, quixo "felicitar ao Concello de Santiago e a Marta Lois por levar unha iniciativa como esta máis alá dunha data determinada". Para o alcalde, cómpre valorar esta "unión de concellos de distintas cores políticas nacida da Administración máis próxima".
Posteriormente, tivo lugar un minuto de silencio diante da Casa Consistorial pola última muller asasinada.