
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu hoxe o galardón ‘Institución Amiga’ deste ano que o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes concede á concellería de Muller e Igualdade pola súa labor no impulso da igualdade e pola “súa contribución á transmisión do patrimonio musical galego promovendo a igualdade neste eido”.
A rexedora, acompañada da concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, recibiu o recoñecemento de mans do director instituto, Francisco Javier Núñez, e da coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística. O acto, no que tamén se presentou a revista escolar Tempus Galegos, contou cunha actuación musical dos alumnos.
Méndez puxo en valor a iniciativa, que naceu no curso académico 2014-2015, e lanzou unha mensaxe ao alumnado sobre a necesidade de crecer “sabendo que somos iguais e que ás mulleres temos as mesmas capacidades que os homes para chegar todo o lonxe que queiramos, e que debemos, entre todos, administracións e sociedade, rachar cos estereotipos de xénero e coas desigualdades”.