“Únenos o pasado, cunha historia e unha cultura bimilenaria, e o futuro, que ambos situamos no turismo como motor da economía”, subliñou a Alcaldesa
Lara Méndez explicou ás autoridades e representantes do mundo das finanzas da cidade chinesa que viaxaron a Lugo que este “é un bo lugar para vivir, facer turismo e investir”
O Concello estudará organizar unha viaxe a Qinhuangdao, tras ser invitado hoxe pola delegación chinesa para participar na semana cultural que preparan para este verán coas 23 cidades coas que están irmandados

"Cando se recibe a visita dun familiar sempre é motivo de ledicia”. Así resumiu a Alcaldesa, Lara Méndez, o ambiente cordial e distendido co que transcorreu a recepción que a Corporación Municipal lle ofreceu no consistorio á delegación de autoridades e representantes do mundo das finanzas de Qinhuangdao que visita Lugo co fin de reforzar lazos afectivos e comerciais entre ambas cidades, irmandadas dende o ano 2008.
A rexedora destacou que Lugo e Qinhuangdao, cidade que coñece porque formou parte da delegación provincial que visitou a poboación chinesa no 2008 cunha misión comercial, comparten, “entre outras moitas cousas, o pasado, cunha historia e unha cultura bimilenaria, e o futuro, que ambos situamos no turismo como motor da economía”. “Qinhuangdao é unha cidade moi turística, a parte de ter outros sectores importantes, como o vinculado ao porto, a producción do viño, de aceite ou o metal, e en Lugo tamén queremos fomentar o turismo baseado no patrimonio, a cultura, a historia, a gastronomía e o medio ambiente, que, neste último eido, reforzamos co proxecto DUSI que temos presentado para concorrer a novos fondos europeos porque temos claro o modelo de cidade”, explicou.
Durante a recepción, que estivo presidida pola Alcaldesa e o director adxunto da Oficina de Asuntos Exteriores de Qinhuangdao, Liu Caijia, Méndez trasladou á delegación chinesa que Lugo é un bo lugar para vivir, unha cidade acolledora na que conviven 87 nacionalidades distintas; un bo lugar para visitar e facer turismo, no que aumenta ano tras ano o número de visitantes, en concreto no 2015 os estranxeiros subiron un 7%, e un bo lugar para investir, co que espera que no futuro sexa destino de investimentos da cidade oriental. Máis de 400 empresas galegas exportan a China, un 20% máis nun ano, o que supuxo un volume de negocio de 178 millóns de euros, un 6% máis nun ano.
Lara Méndez anunciou así mesmo que o Concello estudará a posibilidade de organizar unha viaxe a Qinhuangdao para “devolver a visita que nos fixeron”, tras a invitación realizada hoxe pola delegación chinesa á Corporación para participar nos actos da semana cultural que están a preparar para este verán, entre os meses de xullo e agosto –as datas están por concretar- co fin de reunir ás 23 cidades coas que están irmandados.
Portas comerciais
Ademais de transmitir esta invitación aos Concelleiros, Liu Caijia agradeceu a acollida de Lugo, un lugar no que, asegurou, lle gustaría quedarse a vivir pola súa beleza polo aire limpo que respira na cidade. Explicou así mesmo as características de Qinhuangdao e o seu modelo productivo, algo que tamén fará ao largo da xornada aos distintos colectivos empresariais e firmas cos que a delegación manterán un encontro de cara a buscar relacións comerciais.
Intercambio de agasallos
A rexedora entregou á delegación chinesa unha publicación cun resumo da riqueza patrimonial de Lugo editado en galego e chino, que foi moi ben acollido polos representantes de Qinhuangdao, ademais dun CD e unha guía con información da cidade. Pola súa banda, a delegación chinesa, ademais dunha carta de agradecemento e vontade de reforzar lazos de amizade e económicos do Alcalde de Qinhuangdao, fixo entrega a Lara Méndez dunha publicación con datos e información da cidade e unha reproducción en metacrilato de parte da Muralla china, coa que tamén está irmandada a Muralla de Lugo dende o 2008.
Tras a recepción no Concello, a delegación chinesa mantivo unha xuntanza no CEI con distintas entidades, como as asociacións de Mulleres Empresarias ou Xóvenes Empresarios, así como con asociados da Confederación Empresarios de Lugo.
A delegación de Qinhuangdao está formada por: Liu Caijia, director adxunto da Oficina de Asuntos Exteriores da cidade; Zhang Huifang, xefa adxunta do departamento de Finanzas; Fu Xingchao, xefe adxunto do Goberno do distrito autónomo de Manchú de Qinglong; Liu Chunyuan, directora da oficina de Asuntos Exteriores do distrito de Changli; Wang Hua, director da oficina de distrito de Qinglong, Dong Hongyuan, traductora da oficina de Asuntos Exteriores de Qinhuangdao.
Terceira visita
A visita deste venres é a terceira ocasión na que responsables de Qinhuangdao se desprazan a Lugo dende o irmandamento entre ambas cidades. En xaneiro de 2011, outra delegación, neste caso con responsabilidades en materia de saúde, comercio e economía, achegouse a Lugo para manter xuntanzas con empresarios da nosa cidade e posteriormente, en decembro de 2013, acudiron representantes chineses do mundo da cultura e o deporte, coa finalidade de coñecer os proxectos destas materias que se levan a cabo na cidade.