Concello e Mulleres Empresarias visibilizan o talento feminino cunha xornada no CEI Nodus este venres

Tres emprendedoras de éxito, fundadoras de empresas pioneiras, exporán a súa experiencia nun encontro de participación gratuíta

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo chamando ao 982.22.69.91 ou enviando un correo electrónico empresariaslugo@gmail.com

Luns, 26 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Mulleres Empresarias visibilizan o talento feminino cunha xornada no CEI Nodus este venres

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, que dirixe Ana Prieto, e a Asociación de Mulleres Empresarias organizaron conxuntamente a Mesa Talento en Feminino, unha xornada para visibilizar e fomentar o talento das mulleres que terá lugar este venres, día 30, a partir das 10.30 horas, no CEI Nodus.

Participarán como poñentes tres emprendedoras de éxito: Mónica Pérez, fundadora de Triesfera, unha empresa de deseño e impresión en 3D que saíu do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking do Concello; Noemí Bellas, fundadora de Libolis, a primeira escola de emprendemento para nenos e nenas de Galicia; e Maruxa García, xerente e cofundadora de Tastelab, a primeira empresa de tecnoloxía de análise sensorial de España, spin off do Campus Terra.

A asistencia á Mesa Talento en Feminino é gratuíta. Conta con 30 prazas e as persoas interesadas en inscribirse poden facelo chamando ao número de teléfono 982.22.69.91 ou enviando un correo electrónico a empresariaslugo@gmail.com

A Concelleira de Economía, que presentou a xornada xunto á presidenta de Mulleres Empresarias, Beatriz Varela, integrantes deste colectivo e unha das poñentes, Mónica Pérez, destacou o “espírito innovador e emprendedor “ da asociación, que “empatiza co desta Concellería, o CEI Nodus e o Goberno”, por iso “sempre organizamos, apoiamos ou colaboramos en todas aquelas iniciativas, actividade e ideas que vaian en prol do emprendemento, en especial do feminino. Neste caso, a suma de muller, talento e tecnoloxía é igual a éxito”.

“Hai moitas mulleres con talento que historicamente foron ocultadas pola sociedade”, subliñou Prieto, poñendo como exemplo á actriz de cine e inventora Hedy Lamarr, “coautora nada máis e nada menos que da tecnoloxía na que se basea o wifi moderno”. Mesas como esta contribúen a visibilizar e tamén son “unha homenaxe a todas aquelas mulleres innovadoras, talentosas que contribuíron e contribúen a que avance a sociedade”.

A Concelleira de Economía subliñou que a día de hoxe o Concello ten en marcha programas de emprego e de emprendemento por importe de máis de 2M€, que melloran as posibilidades de inserción laboral duns 300 lucenses. Xunto ao Inicia Coworking, desenvolve o programa Empregalia, o plan Mellora Lugo, dous obradoiros de emprego, e conta tamén co viveiro de empresas a pé de rúa que creou no barrio da Tinería, ademais do CEI Nodus, cun 100% de ocupación na actualidade. Lembrou que está pendente de resolución a candidatura do plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social (mulleres, mozos, parados de longa duración e minorías étnicas), con 2M€ de investimento e 300 beneficiarios.

Audio

Noticias relacionadas