As actuacións permitiron acondicionar máis de 40 quilómetros de pistas, ademais de zonas de uso veciñal como campos da festa e arredores de igrexas.
Estas tarefas realizáronse con operarios municipais e medios propios, incluíndo maquinaria do parque móbil e un tractor con desbrozadora de brazo articulado.
A concelleira Ana Abelleira subliña que “este tipo de traballos son imprescindibles para garantir o acceso en bo estado aos núcleos rurais e reforzar a cohesión territorial tamén no verán”.

A brigada de Cohesión Territorial do Concello de Lugo acometeu nas primeiras semanas do verán labores de desbroce e limpeza en máis de 15 parroquias do municipio, centrando os esforzos na mellora das pistas rurais, nos accesos aos núcleos e nos espazos públicos de uso comunitario, como campos da festa e arredores das igrexas. En total, actuouse en máis de 40 quilómetros de viarios, distribuídos por diferentes puntos do rural.
Estes traballos executáronse con medios propios do Concello, a través dunha brigada conformada por catro operarios (con desbrozadoras manuais e sopladores) e coa colaboración de maquinaria do parque móbil, incluíndo un tractor con desbrozadora de brazo articulado, que permitiu actuar de forma máis eficaz nos tramos de maior lonxitude.
“A programación destes traballos responde ás necesidades reais das parroquias, que se intensifican durante o verán pola celebración de festas e romarías, pero tamén pola actividade agrícola e forestal. O noso obxectivo é que a veciñanza do rural dispoña de servizos dignos e de calidade tamén nestas datas”, explicou a concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira.
En concreto, realizáronse desbroces en Ribas de Miño, Cuiña, Monte de Meda, Soñar, San Xoán do Campo, Coeses, Torible, Vilamoure, Pías, San Pedro de Mera, Orbázai, O Veral, Mazoi e Muxá, así como actuacións adicionais esta mesma semana en Góndar e San Xoán do Campo. Nalgúns destes lugares, como Ribas de Miño, o traballo centrouse especificamente no acondicionamento do campo da festa, mentres que noutros se incluíu tamén a limpeza de accesos a espazos públicos de uso habitual.
“O compromiso do Goberno local co rural é firme e constante ao longo de todo o ano. Non se trata só de manter en bo estado as pistas, senón de apoiar a vida social, cultural e comunitaria das parroquias, facilitando que se poidan desenvolver as súas actividades en condicións óptimas”, apuntou Abelleira.
A responsable da área destacou ademais o esforzo da brigada e do persoal municipal: “Contamos cun equipo implicado que coñece o territorio e responde con eficacia. Cada quilómetro desbrozado é un paso máis na igualdade real de servizos para todo o municipio, tamén no rural”.
A edil avanzou que o dispositivo municipal continuará operativo nas próximas semanas co fin de atender o resto das parroquias, dando continuidade á planificación anual de melloras nos viais e espazos públicos das 54 parroquias de Lugo.
Audio
- A concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, acometeu tarefas de desbroce en máis de 15 parroquias | Descargar mp3

