Paula Alvarellos, acompañada polo edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, se interesou pola experiencia laboral destes mozos e mozas e pola súa impresión da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Lugo aos once estudantes italianos que durante un mes fixeron as súas prácticas de FP en empresas de Lugo, dedicados aos sectores da hostalería, carpintería metálica, estética e mecánica, dentro do programa Erasmus Plus. Na recepción, na que tamén estivo o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, os alumnos e alumnas, procedentes da escola de Formación Profesional Lepido Rocco, de Treviso, na rexión de Véneto, explicaron como foi a súa experiencia laboral en Lugo e a alcaldesa se interesou ademais pola impresión que se levan da cidade de Lugo.
Os estudantes, con idades comprendidas entre os 16 e os 20 anos, chegaron a Lugo o pasado 20 de xuño para realizar as súas prácticas de formación durante un mes en varias empresas con locais no centro de Lugo e noutras con sedes no polígono industrial do Ceao. O vindeiro día 20 deste mes, os estudantes italianos rematarán as súas prácticas laborais e regresarán á cidade de Treviso, onde a maioría ten previsto continuar coa súa formación académica.



