Lara Méndez participou na gala de entrega do V Premio Xove Empresario de Galicia, que se celebrou por primeira vez en Lugo e reuniu no MIHL a máis de 200 persoas de toda a comunidade
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este xoves na gala de entrega do V Premio Xoven Empresario de Galicia, organizado por primeira vez na cidade lucense por AJE Galicia e que reuniu no Museo Interactivo da Historia (MIHL) a máis de 200 persoas de toda a comunidade. Méndez subliñou na súa intervención “o coraxe, valentía, tesón, ilusión, esforzo e traballo” que supón iniciar un proxecto empresarial.
“Ser emprendedor é ter un obxectivo e saber que estás disposto a sacrificar para conseguilo”, asegurou a rexedora, quen destacou que as administracións públicas “debemos apoiar estas iniciativas, algo que no Concello temos moi claro e canalizamos a través do CEI Nodus, un centro que non soamente é un viveiro de empresas, senón un lugar onde os emprendedores e as asociacións empresariais comparten coñecementos e experiencia para crear sinerxias e valor engadido”, explicou.
Á gala asistiron, xunto á Alcaldesa, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o Conselleiro de Economía, Francisco Conde, entre outras autoridades e representantes políticos de distintas institucións da provincia e de Galicia.
O ourensano Jorge Vázquez, fundador de Redegal, acadou o Premio Xoven Empresario de Galicia, e Sergio García e Javier Regueiro, de Ferrolterra, o Premio Xoven Emprendedor coa súa aplicación Social Drive, un galardón entregado por Lara Méndez e Darío Campos. Os accésits á internacionalización foron para Micaton, de Vigo, Avansig, da Coruña, e 2puntoZero, de Lugo. Os 23 finalistas recibiron un diploma de recoñecemento.