A Alcaldesa de Lugo e o de Oviedo estreitan lazos para potenciar xuntos o Camiño Primitivo

Lara Méndez mantivo un encontro con Wenceslao López con motivo da presentación do Arde Lvcvs na cidade asturiana

Os rexedores buscarán fórmulas de colaboración para promocionar de forma conxunta as festas patronais de ambas cidades, San Froilán e San Mateo

Mércores, 08 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo e o de Oviedo estreitan lazos para potenciar xuntos o Camiño Primitivo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este mércores un encontro co rexedor de Oviedo, Wenceslao López Martínez, con motivo do acto que o Concello lucense celebrou no auditorio Príncipe Felipe da cidade asturiana para presentar e promocionar o Arde Lvcvs fóra de Galicia e avanzar na candidatura para a consecución do recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional. Segundo explicou Méndez, que estivo acompañada pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a reunión “serviu para estreitar lazos entre Lugo e Oviedo co fin de potenciar conxuntamente o noso rico patrimonio, nomeadamente o Camiño de Santiago que une ás nosas cidades e supón un nexo máis entre dous pobos e dúas culturas moi próximas”. A ruta xacobea primitiva ten de feito ás cidades milenarias de Lugo e Oviedo como estandarte artístico, monumental e cultural.

Así mesmo, Lara Méndez indicou que, a raíz deste encontro, os rexedores buscarán fórmulas de colaboración para promocionar de forma conxunta as festas patronais das dúas cidades, o San Froilán lucense e o San Mateo de Oviedo.

Noticias relacionadas