As axudas están destinadas aos eidos de deportes, cultura, xuventude, servizos sociais, participación cidadá, educación e urbanismo
Aprobada a licitación do contrato dos servizos de prevención e control da lexionelose, e de desinfección, desinsectación e desratización, por un período máximo de catro anos e un importe anual de 45.000 euros
Menos dunha semana despois de aprobar en Pleno a necesaria modificación de crédito, a Xunta de Goberno acordou este mércores destinar preto de 590.000 euros para convocar subvencións de concorrencia competitiva destinadas a asociacións e particulares nas áreas de deportes, cultura, xuventude, servizos sociais, participación cidadá, educación e urbanismo.
O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que as axudas servirán de soporte e dinamización do gran tecido asociativo da cidade e tamén de axuda para veciños e veciñas particulares co fin de alugar vivenda, obter bolsas escolares ou rehabilitar edificacións.
A distribución das axudas aprobada é a seguinte:
- Deportes: 171.000€ (a clubes e asociacións deportivas, 145.000€, e a deportistas con talento ou de alto nivel, 26.000€)
- Asociacións culturais: 14.899,99€
- Asociacións xuvenís: 10.000€
- Servizos sociais: 125.601,92€ (para o alugamento de vivendas a persoas con dificultades, 70.601,92€; a ONGs, 12.000€; para gastos do transporte e taxi adaptado para persoas con mobilidade reducida, 5.000€; e a asociacións, 38.000€).
- Participación Cidadá: 45.500€
- Educación(bolsas escolares): 36.500€
- Urbanismo e rehabilitación de vivendas: 185.729,32€
Por outra banda, a Xunta de Goberno, segundo informou o voceiro municipal, aprobou o inicio do procedemento de adxudicación dos servizos de prevención e control da lexionelose nas instalacións de titularidade municipal, e desifección, desinsectación e desratización no concello. A duración do contrato é de dous anos, máis outros dous de prórroga, e o importe anual de 45.000 euros.
O Concello publicará o anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no Perfil do Contratante, na web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais, contados dende a publicación do anuncio de licitación no BOP.
Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno deu luz verde así mesmo a unha licenza para construír unha estación de servizo na estrada LU-612, que une Lugo e Portomarín, á altura de Cima de Vila. A solicitude foi formulada por Luourense SL. O presuposto da obra é de 158.146,11 euros e o prazo de execución de 24 meses.