Servizo de educación

Servizo de Educación

O Servizo de Educación do Excmo. Concello de Lugo atópase ubicado no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros s/n). Nesta oficina municipal desempéñanse as funcións técnicas, pedagóxicas e administrativas necesarias para o desenvolvemento de todas as actividades. Así mesmo, como competencia lexislativa propia do municipio, é responsabilidade desta dependencia a conservación, mantemento e vixilancia dos centros educativos públicos de infantil e primaria.

Desenvolven as seguintes actividades e programas:

Axudas á conciliación familiar: comedor escolar e escolas infantís

A concellería de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo presta o Servizo Municipal de Comedores Escolares, encargado da elaboración de comidas (almorzo e xantar), distribución ás mesas e reparto entre as nenas e nenos, ademais da vixilancia e limpeza do comedor.

Máis información: https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/servizo-municipal-de-comedores-escolares

Por outra banda, arredor do mes de marzo comeza o prazo de solicitude nas 4 escolas infantís municipais do Concello de Lugo, cuxa matrícula terá lugar no mes de xuño. Máis información: https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/escolas-infantis-municipais

Subvencións para ANPAS

Concédense ata 2000€ de subvención por cada ANPA para a realización de actividades formativas e culturais. O prazo adoita comezar a principios de setembro. Poden participar ANPAS de centros educativos sostidos con fondos públicos, é dicir, tanto públicos como concertados.

Bolsas escolares para material educativo

Teñen como obxecto a concesión de subvencións a familias con escasos recursos para a adquisición de libros de texto e material educativo para Educación Infantil, para alumnas e alumnos matriculados en centros sostidos con fondos públicos e empadroadas no termo municipal de Lugo.

A axuda comézase a tramitar coa presentación de solicitudes na segunda quincena de xuño. Consiste nun bono de 100€ de desconto para cambiar nas librerías do Concello de Lugo.

Xadrez para escolares

O xadrez, ademais do contido lúdico, abrangue amplos aspectos psicosomáticos de estimulación para o desempeño de todas as actividades que desenvolvemos, de aí que sexa medio e recurso ideal para incentivar o pensamento intuitivo controlado ao mesmo tempo pola lóxica, a aprendizaxe de habilidades, a responsabilidade e o respecto mutuo, así como o desenvolvemento de esquemas do razoamento creativo.

O Servizo de Educación do Concello de Lugo, tendo en conta esta valoración, realiza unha serie de actividades ao longo de todo o curso escolar centradas no xadrez. Nelas non só se implica á comunidade educativa, senón tamén a toda a sociedade lucense.

O programa de xadrez está dividido :

  • Actividades dirixidas a alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria de todos os centros públicos de Lugo e o EEII Fingoi nº2, en horario lectivo ao longo do curso escolar, coa utilización de recursos didácticos e materiais pedagóxicos soporte da formación desta disciplina.
  • Actividades de promoción do xadrez que serán en distintos espazos públicos da cidade preferentemente ao aire libre con 2 monitores para idades de entre 5 e 18 anos. Todo o alumnado que se achegue terá a posibilidade de xogar ao xadrez xigante e xogos convencionais en xuño e setembro na praza Maior, en xullo na praza do Castiñeiro, así como participar nos catro torneos ao longo do curso previa inscrición.

Os obxectivos principais deste programa son os de potenciar capacidades intelectuais e sociais a través do xadrez, crear espazos para actividades familiares, fomentar actividades culturais educativas nos barrios da cidade, fomentar a convivencia das crianzas e fomentar os hábitos saudables.

Hortos educativos

Nos centros públicos de educación infantil e primaria e nas escolas infantís de xestión directa existen  hortos, creados polo Concello con anterioridade. Levamos anos levando a cabo actividades de sensibilización medioambiental  que sumen  actividades de coñecemento da cultura propia,  ligando desta maneira un concepto universal como é o ecoloxismo cun máis cercano como é a nosa tradición cultural.

Esta proposta busca desenvolver nos nenos e nenas o coñecemento e o respecto pola natureza, ademais de fomentar o traballo en equipo, a responsabilidade e o contacto directo co medio ambiente. Ademais, está profundamente relacionado coa cultura galega, a súa tradición agrícola, o respecto pola terra e o consumo de produtos locais e de tempada.

O programa consta de 7 sesións para o curso de 6º Infantil que teñen lugar entre marzo e xuño nos CEIP e EEII e 4 sesións que se realizan ao longo dun mes de primavera ou verán nas escolas infantís.

Programa de vieiros escolares “Camiño ás aulas”

O obxectivo deste proxecto é o de acompañar as crianzas todos os días lectivos do curso escolar no seu traxecto ao centro educativo e promocionar a súa autonomía, o exercicio físico e mellorar a conciliación familiar, favorecendo o establecemento de relacións informais entre as familias de cara a que, unha vez rematada a experiencia, estas continuen pola súa conta no mantemento da rutina establecida, chegando, no caso das/os nenas/os maiores a facer o camiño sen necesidade de adultos.

Somos conscientes dos problemas que se xeran na contorna dos centros escolares vinculados co traxecto ao colexio en coche: por unha banda problemas de tráfico, dado o elevado número de vehículos que se xuntan nun curto espazo de tempo; por outra parte o incremento do sedentarismo en idades máis temperás. Non menos importante é a conciliación, coincidindo en moitos casos a hora de entrada das crianzas no colexio co horario laboral.

O proxecto destinarase a nenas e nenos de primaria que sexan suficientemente maduras/os para respectar as indicacións do monitoraxe e farase para os traxectos de chegada ao colexio. Se este alumnado ten irmáns ou irmás menores (de Infantil), pero con suficiente autonomía, tamén poderán participar.

Para participar nos centros nos que está establecido este programa, habería que poñerse en contacto coa ANPA.

Festival do Día das Letras Galegas

Arredor do 17 de maio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e como festa de fin das actividades extraescolares, o servizo de Educación celebra cada ano un festival nos arredores da Praza Maior co alumnado de CEIP participante nas actividades de música tradicional (baile e pandeireta) durante o curso escolar.

Ademais, durante todo o curso entre outubro e maio realízanse outras actividades extraescolares nos CEIP como baile moderno, patinaxe, manualidades, teatro, zumba, robótica, predeporte, ximnasia rítmica, xogos tradicionais ou contacontos.

Educación vial no Parque Infantil de Tráfico

Os centros educativos poderán recibir educación vial no circuito situado en Frigsa (ao lado das piscinas). O alumnado de Primaria recibirá tanto formación teórica como práctica, na que irá polo circuíto en bicicletas ou karts.

Teatro Grecolatino

Trátase dunha actividade consistente na asistencia a representacións de obras de teatro clásicas, levadas a escena por asociacións de teatro de institutos de diferentes provincias. O Servizo de Educación cobre os gastos derivados das entradas para que os institutos de Lugo asistan ao festival que, de forma anual, organiza a "Sociedade Española de Estudios Clásicos".

Os seus obxectivos principais son os de ofrecer a posibilidade de que o alumnado dos centros públicos de Lugo se acheguen ás obras do teatro clásico e, relacionar o contido das representacións e a temática coa programación das materias de Latín, Grego, Cultura Clásica e Historia.

Certame de contos e relatos curtos Trapero Pardo

Este Certame creouse en homenaxe ao xornalista e escritor lucense Xosé Trapero Pardo, quen foi cronista oficial de Lugo.

O seu obxectivo é o de contribuír a fomentar a creatividade literaria entre estudantes lucenses, xunto co fomento da lectura e escritura en lingua galega. Establécense dúas categorías: de 12 a 14 anos e de 15 a 18 anos, con diversidade de premios para cada unha delas.

Consello Escolar Municipal

Trátase dun órgano de consulta e asesoramento creado polo Concello de Lugo para promover a participación cidadá na programación e a xestión do ensino e aquelas cuestións relacionadas coas competencias municipais en materia educativa. Reúnese dúas veces ao ano: ao inico de curso e a finais de curso no Parque Infantil de Tráfico.

Nel están representadas as federacións de nais e pais de alumnos, sindicatos, alumnado, profesorado de centros públicos, privados e concertados, Consellería de Educación e persoal municipal. A súa presidencia correspóndelle á concelleira ou concelleiro de Educación.

Directorio