Que son as escolas infantís municipais?
Son equipamentos diúrnos de carácter educativo e asistencial, que teñen por obxecto o desenvolvemento harmónico e integral dos/das nenos/as, realizando ademais un importante labor de apoio á función educativa da propia familia á vez que facilita o acceso dos pais e nais ao mundo laboral.
Onde están situadas?
O Concello de Lugo conta actualmente con 4 escolas infantís:
- Escola infantil municipal Serra de Outes: situada na rúa Serra de Outes s/n.; Tfno: 982.29.73.12
- Escola infantil municipal Gregorio Sanz: situada na avda. Vilaverde s/n.; Tfno: 982.29.74.48
- Escola infantil municipal Luis Soto Menor (San Fiz): situada na rúa Fonte da Bica, número 2 (tramo medio da Avda. de Madrid); Tfno: 982.29.74.40
- Escola infantil municipal María Wonenburger (Piringalla): situada na Rúa das Fontes, número 29; Tfno: 982.29.74.42
Cal é a capacidade máxima de cada unha das escolas infantís municipais?
- Escola infantil municipal Serra de Outes: 61 prazas*
- Escola infantil municipal Gregorio Sanz: 61 prazas*
- Escola infantil municipal Luis Soto Menor (San Fiz): 61 prazas*
- Escola infantil municipal María Wonenburger (Piringalla): 55 prazas*
En cada unha das escolas resérvanse 3 prazas de emerxencia por curso escolar, correspondendo unha praza en cada unidade de repartición.
*Refírese á capacidade máxima das escolas que non ten por que ser coincidente coas prazas vacantes anuais.
O número de nenas e nenos por aula dependendo da idade son:
- De 0 a 1 máximo de 8 prazas
- De 1-2 máximo de 13 prazas
- De 2-3 máximo 20 prazas excepto na EIM María Wonenburger que son 17 prazas
Con cantas unidades de repartición (aulas) conta cada escola infantil municipal actualmente?
- 1 unidade de 3 meses a 1 ano (0-1)
- Nas EIM Gregorio Sanz e Serra de Outes hai 1 unidade de 1 a 2 e 1 de 2 a 3.
- Nas EIM Luís Soto Menor e María Wonenburger varía entre 1 unidade de 1 a 2 e 2 unidades de 2 a 3 ou 2 unidades de 1 a 2 e 1 unidade de 2 a 3.
Que servizos prestan?
Servizo de comedor: comprende a elaboración de menús adaptados tendo en conta as necesidades nutricionais de cada etapa evolutiva das/os nenas/os. Este servizo apoia e elabora os tres tipos de menús de acordo ás necesidades alimenticias dos menores:
- Biberóns e papillas a base de leite e cereais
- Elaboración de purés de verduras variadas con carne, peixe ou ovo
- Purés de froitas variadas con ou sen cereais
- Elaboración de menús diarios variados: sopas, guisos, fritos e cociñados de carnes, peixes e pastas cunha dieta equilibrada, sen aditivos e adaptada a nenas e nenos que comezan a tomar alimentos sólidos por primeira vez. Serán adaptados así mesmo ás alerxias e intolerancias alimentarias xustificadas
Servizos educativos e asistenciais: as escolas infantís municipais prestan un servizo integral de carácter social e educativo que atende todas as facetas da aprendizaxe, motricidade, control corporal, primeiras manifestacións da comunicación e da linguaxe, pautas elementais de convivencia, relación social e descubrimento do entorno inmediato, realizando un traballo conxunto entre o ámbito escolar, a familia e o entorno físico. O compoñente asistencial está referido á prestación de todos os coidados necesarios como a hixiene, limpeza, o cambio de roupa, manutención e atención á saúde dos menores.
Como se pode solicitar praza?
No mes de febreiro ou marzo publícase no BOP a convocatoria e ábrese un prazo de presentación de solicitude de praza para o curso escolar vindeiro. As familias poderán recoller os impresos de solicitude nas dependencias da Concellería de Educación, nas escolas municipais, descargalos da páxina web, así como no Servizo de Participación Cidadá.
Podes consultar a convocatoria do curso actual no apartado de +INFO.
Onde teño que presentar a solicitude?
De xeito telemático a través da sede electrónica do Concello, https://www.lugo.gal, buscando no catálogo de procedementos o “J004 Solicitude de praza escola infantil municipal”. Tamén se pode presentar a solicitude en calquera rexistro presencial.
Podo solicitar praza para unha nena ou neno nado despois de finalizar o prazo de convocatoria?
Revisaranse e puntuaranse as solicitudes fóra de prazo sempre que o nacemento ou adopción da nena ou do neno teña lugar con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e ata o 31 de agosto.
Podo solicitar praza ao longo de todo o ano?
Si, conforme ao establecido na convocatoria.
Canto custa unha praza nunha escola infantil municipal?
As Escolas Infantís do Concello de Lugo están adheridas ao programa de gratuidade da Xunta de Galicia polo que se financia a parte educativa. Os prezos que deberán aboar as familias ou persoas usuarias serán os establecidos na Ordenanza fiscal nº 116 aprobada anualmente polo Concello de Lugo, variando en función da renda per cápita mensual familiar. Podes consultala buscando “116” en “palabras chave” na seguinte ligazón https://concellodelugo.gal/gl/ordenanzas-municipais.
Que requisitos debe cumprir a nena ou neno para poder solicitarlle praza nas escolas infantís municipais?
- Que o neno ou nena xa nacese no momento de presentación da solicitude, sempre con anterioridade ao 31 de agosto de 2026.
- Que teña unha idade mínima de tres meses na data de ingreso na escola infantil na que obteña praza (ainda que non é obrigatorio ata os catro meses comezar o período de adaptación) e non teña feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2026. Non obstante, poderán eximirse do límite de idade dos 3 anos as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame, non vinculante, do equipo de orientación específica da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a petición das familias, ou representantes legais.
- Que a persoa solicitante que conviva co menor e o menor para o que se solicita a praza estean empadroados no Concello de Lugo na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
- Que a nai e o pai, a persoa titora legal ou a persoa acolledora poidan identificarse mediante NIE ou DNI, non sendo válido o pasaporte para participar neste procedemento.Que a/o nena/o e a/o solicitante estean empadroadas/os no Concello de Lugo
- Os menores de 16 anos non poderán ser solicitantes de prazas nas escolas, polo que deberán facerse cargo da solicitude de praza os proxenitores destes ou persoas que exerzan a súa representación legal ou titoría.
Como se adxudican as prazas?
Aplicando o baremo que fai parte das bases que se publican na convocatoria anual no BOP. É importante estar atentos/as ao proceso de publicación das diferentes listaxes.
Aproximadamente no mes de abril/maio sairán as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas e ábrese un prazo de dez días para reclamacións.
Posteriormente publícanse as listaxes definitivas de solicitudes admitidas e excluídas do procedemento.
No mes de maio/xuño publicaranse as listas provisionais de admitidos/as en cada unha das 4 escolas e a lista de agarda única por orde de baremo. Abrirase un prazo de 10 días para posibles reclamacións e posteriormente sairá a lista definitiva.
Como e cando formalizo a matrícula?
Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos/as en cada escola deberás formalizar a matrícula na propia escola onde o neno o nena fose admitido/a nun prazo que se establecerá no mes de xuño ou xullo.
De non formalizar a matrícula no prazo sinalado desestimarase a solicitude que xerará unha vacante.

