Urbanismo asina a acta de recepción das obras de urbanización realizadas por Avento na Duquesa de Lugo

Miguel Couto informa de que a dotación quedará aberta hoxe de forma definitiva

A actuación, que abarcou unha superficie de 24.634m² próxima ao futuro Barrio Multiecolóxico, consistíu no desdobramento da marxe dereita da Avenida Infanta Elena

Venres, 29 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo asina a acta de recepción das obras de urbanización realizadas por Avento na Duquesa de Lugo

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, asinaba esta mañá a acta de recepción das obras, realizadas pola empresa local Avento, na Duquesa de Lugo, de forma que ao longo desta xornada a dotación quedará aberta de forma definitiva.

A actuación, que atinxe a unha superficie de 24.634 metros cadrados, enmárcase dentro do ámbito da urbanización que esta compañía promove no norte da cidade, fronte ao Centro Comercial “As Termas”.

O concelleiro lembraba hoxe que “os traballos desenvolvidos consistiron no desdobramento da marxe dereita da Avenida Infanta Elena, comprendida entre a glorieta 25 de Novembro e a nova rotonda á altura da residencia de maiores Abeiro Gold, así como a urbanización desta infraestrutura, garantindo na zona tanto o tránsito rodado como o peonil.

A intervención tivo en conta o Plan de Mobilidade e de Espazo Público do Concello de Lugo, segundo o cal se executaron beirarrúas cun ancho superior a 2’50 metros, carrís con tránsito de bus e vehículos pesados, cun ancho de 3,25 m, carril bici en dous sentidos así como a súa separación do resto da calzada por elementos específicos.

Miguel Couto aproveitou para lembrar que o polígono, que se divide en catro parcelas, unha delas cedida como propiedade municipal, atópase próxima ao futuro Barrio Multiecolóxico de Lugo e ao predio que acollerá o edificio Impulso Verde, “proxectos vinculados ao programa LIFE que promovemos e que creará un atractivo foco de actividade nesta zona”.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre as obras | Descargar mp3

Multimedia

  • Urbanismo asina a acta de recepción das obras de urbanización realizadas por Avento na Duquesa de Lugo

Noticias relacionadas