Unhas 600 persoas coñecen o rural de Lugo e os concellos limítrofes do Corgo e Rábade grazas ás andainas temáticas do Concello

As excursións, gratuítas e guiadas, celebraranse todos os domingos ata o 18 de decembro. Os interesados poden inscribirse na Oficina Municipal de Turismo ata as 14:00 horas do día anterior da andaina

Venres, 21 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, destacou este venres o éxito da cuarta edición do programa de promoción turística Terras de Auga e Cultura, que recorre tanto a zona rural do Concello como os municipios limítrofes.

Ata a data celebráronse 26 andainas temáticas, nas que participaron preto de 600 persoas, avanzou a edil, quen deu a  coñecer a procedencia dos asistentes, Lugo, Coruña, Guitiriz, Santiago, Lalín, Madrid, Córdoba, Cataluña, Valencia, Andalucía, Albacete ou Zaragoza, entre outros. As rutas con máis participación foron as dos días 17 de abril, Elementos simbólicos na tradición xacobea, a do 14 de agosto, Cultura e tradición na beira do Miño, e a do 11 de setembro, Tras os pasos dos castrexos.

As viaxes, de caracter gratuíto e guidas, rematarán o 18 de decembro. Os interesados en participar nalgunha das 9 rutas programadas, que se celebran os domingos, aínda se poden anotar na Oficina Municipal de Tursimo ata as 14:00 horas do día anterior da visita. Este domingo, está programada a ruta Contos, Pontes e Pousadas: A vida a carón do Camiño Real, dunha distancia de 12 quilómetros.

Terras de Auga e Cultura trátase dun programa de visitas temáticas de promoción turística para dar a coñecer o patrimonio natural, arquitectónico e cultural que se conserva nas parroquias. Deste xeito, a entidade local oferta rutas con 5 temáticas, xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño.Como novidade nesta edición, ofrécense rutas con horario especial, só de mañá. Serán as andainas de xeoloxía que se realizarán polo recinto histórico de Lugo. Ademais, esta cuarta edición inclúe excursións por sete novas parroquias, sinalizadas e identificadas recentemente polo Concello. Deste xeito, as andainas recorren Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai e San Lázaro da Ponte, que se suman ás parroquias de Romeán, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda e San Pedro Mera. O Concello organizou tamén rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida, concretamente catro.

Estas rutas turísticas desenvólvense de 10:30 a 19:00 horas, e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno e teñen como punto de saída e de regreso o treito peonil da Ronda da Muralla, á altura da porta do Bispo Aguirre. O número máximo de excursionistas será de 35 persoas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o programa Terras de Auga e Cultura|Descargar mp3

Noticias relacionadas