O Pleno aproba solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Semana Santa lucense

Luns, 02 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Pleno aproba solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Semana Santa lucense

A Corporación municipal aprobou este luns no Pleno ordinario, a instancias do Goberno, solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego para a Semana Santa lucense cos votos a favor de PSdeG-PSOE, Lugonovo e Ciudadanos, mentres que BNG e ACE se abstiveron. A Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que este recoñecemento será “moi positivo” para a cidade e “un punto de inflexión” na Semana Santa de Lugo, na que participan a través da Xunta de Confrarías máis de 3.000 persoas e que conta cunha asistencia aproximada de 150.000 persoas ás procesións, segundo os propios organizadores.

Ademais desta elevada participación, na solicitude de Festa de Interese Turístico Galego, aprobada por iniciativa do equipo de Goberno e que debe conceder a Xunta, ponse de manifesto a singularidade da festividade relixiosa en Lugo, con exemplos como a procesión da Última Cea, un paso único no mundo cristián xa que ten o privilexio exclusivo de trasladar en procesión o Sagrado Sacramento que se custodia na Catedral dende datas inmemoriais, ou a participación da Armada de Ferrol na procesión da Virxe da Esperanza e o Santo Encontro, coa participación da patroa do Concello, a Virxe do Rosario.

Facturas

O Pleno aprobou, por outra banda, dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito, o que permitiu liberar o pago de 566.600 euros en facturas correspondentes a anos anteriores, fundamentalmente de eléctricas.

Comercio xusto

A Corporación aprobou renovar o compromiso municipal de cara converter a Lugo na primeira cidade de Galicia polo comercio xusto, un obxectivo no que traballa dende hai anos o Concello en colaboración con entidades sen ánimo de lucro e colectivos sociais e económicos. De feito, existe xa un acordo plenario de 2014 e a día de hoxe, como lembrou a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, os requisitos esixidos na parte que lle corresponde á entidade local están “máis que cumpridos”. Deste xeito, existe unha declaración institucional aprobada en Pleno a favor do comercio xusto dende hai catro anos, 10 pregos de contratación e dous contratos menores que inclúen cláusulas relativas a produtos de comercio xusto, un grupo de traballo local, e accións de sensibilización e difusión anuais sobre consumo responsable e comercio xusto.

Noticias relacionadas