O Goberno local cualifica de “extemporánea e interesada” a proposta do PP sobre O Garañón

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, pediu que “se respecten os tempos” porque “non hai pronunciamento do TSXG”

“Somos os máis interesados en salvagardar os intereses patrimoniais do Concello. Cando chegue o momento tomaremos as decisións máis adecuadas e sempre en defensa dos cidadáns”, subliñou Piñeiro

Luns, 13 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, cualificou de “extemporánea” a proposta do grupo municipal do Partido Popular de crear unha comisión non permanente sobre a urbanización do Garañón. Piñeiro sinalou que os populares “falan disto para facer que traballan, que fan algo”, pois o que plantexan “non ten ningún sentido e está fóra de lugar”. O edil pediu “respectar os tempos, xa que, polo momento, non houbo pronunciamento xudicial do TSXG, e ata que se resolva a sentenza non se pode facer nada”.

Para o concelleiro, trátase ademais “dunha proposta interesada. O PP aprobou o PXOM anterior, que afectaba a esta obra, polo que debería ter creado unha comisión no ano 90 ou no 91 e non agora, 15 anos despois”.

Do mesmo xeito, Daniel Piñeiro remarcou que “no Goberno local somos os máis interesados en salvagardar os intereses patrimoniais do Concello, que é parte do noso labor”. “Estamos moi preocupados polo que poida suceder, pero hai que respectar os tempos. Cando chegue o momento tomaremos as decisións máis adecuadas e sempre en defensa dos cidadáns, que poñemos por riba de todo”, subliñou.

Noticias relacionadas