O Goberno de Lugo compartirá mañá os Orzamentos Participativos no centro de convivencia Uxío Novoneyra

A xuntanza arrincará ás 20:00 horas e nela explicarase o funcionamento para achegar propostas de distintos investimentos de ata 15.000 euros

A veciñanza pode facer chegar as súas ideas a través de loop.lugo.gal ata este domingo ou ben no Rexistro Xeral do Concello, ata o venres. Nesta fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio

Luns, 03 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lugo compartirá mañá os Orzamentos Participativos no centro de convivencia Uxío Novoneyra

O Goberno de Lugo ten convocada para mañá martes, 4 de setembro, a cuarta reunión veciñal sobre os Orzamentos Particiativos. Celebrarase no centro de convivencia Uxío Novoneyra, a partir das 20:00 horas, e nela os veciños e veciñas que se acheguen coñecerán o funcionamento desta ferramenta de participación cidadá que activou o equipo de Lara Méndez para que a cidadanía decida o destino de 350.000 euros, con cargo ao presuposto deste ano.

Con este proceso, o Goberno fomenta a participación veciñal, promove que non sexa simple observadora dos acontecementos e que se converta en protagonista activa do que pasa no seu municipio e mellora a comunicación entre o Concello e a veciñanza.

Estas xuntanzas nos distintos barrios forman parte da primeira fase dos orzamentos participativos: a recollida de propostas de diferentes investimentos de ata 15.000 euros. Ademais das reunións, os veciños e veciñas poden facer chegar as súas ideas a través da web loop.lugo.gal ata este domingo, ou ben no Rexistro Xeral do Concello, ata o venres. Nesta fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballo.

Máis información en https://loop.lugo.gal/

Audio

Noticias relacionadas