A veciñanza de Lugo será a que decida o proxecto final da Fábrica da Luz nun proceso de participación cidadá

A alcaldesa Lara Méndez avanzouno no Pleno Ordinario, no que explicou a situación do inmoble, inmerso nun proceso xudicial desde o 2015 e cuxa obra foi adxudicada no 2008

A rexedora explicou que todos os pasos se deron atendendo aos criterios dos técnicos e que se presentou recurso a última sentenza ante o Contencioso Administrativo do TSXG, “sentenza que a asesoría xurídica municipal ten expresamente cualificado de inxusta”

Xoves, 30 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 A veciñanza de Lugo será a que decida o proxecto final da Fábrica da Luz nun proceso de participación cidadá

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzou no Pleno Ordinario celebrado hoxe que o proxecto final que defina a Fábrica da Luz será decidido pola propia veciñanza lucense nun proceso de participación cidadá.

Díxoo na súa comparecencia para explicar o proceso xudicial no que este inmoble está inmerso tras unha denuncia presentada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil en novembro do 2015, aínda que a adxudicación municipal para executar nas instalacións unha minicentral data do ano 2008 e que non foi ata o maio do 2015 cando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil autorizou a modificación da concesión para o seu aproveitamento, paso necesario para poder comezar as obras.

A rexedora, que explicou paso a paso o proceso da Fábrica da Luz desde que se aprobou a súa concesión ata a última sentenza, favorable en parte ás pretensións da empresa ao declarar resolto o contrato por incumprimento do Concello.

Lara Méndez lembrou que todos os pasos que se foron dando desde o Concello atenderon sempre aos criterios dos técnicos municipais. “A sentenza recolle unha motivación que a asesoría xurídica municipal ten expresamente cualificado de inxusta, polo que recentemente se procedeu á presentación do correspondente recurso diante da Sala do Contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, sostivo, tras aclarar que “esta alcaldesa ten por costume defender os intereses da veciñanza desta cidade, con acertos e con erros, coma ocorre en todos aqueles casos nos que se toman decisións, pero sempre, sempre, con base nos criterios técnicos que lle outorguen o debido sustento, por iso este caso non vai ser unha excepción”.

En canto ao futuro da Fábrica da Luz, “estará en mans dos e das veciñas de Lugo xa que este Goberno municipal abrirá un proceso de participación cidadá para que elixan cal será o proxecto final”, e incidiu na importancia de pór en valor este espazo deteriorado polo paso do tempo debido ao proceso no que está inmersa a Fábrica, para goce da cidadanía ao ser un dos enclaves de maior beleza natural da cidade. “Debemos mellorar este espazo así como a contorna do río, “o que estamos xa a facer a través da estratexia Muramiñae e os diversos proxectos xa en marcha para unir a trama urbana da cidade co Miño”.

Noticias relacionadas