O Concello solicita dous obradoiros para investir 425.600 euros na mellora da inserción laboral de 48 desempregados no eido das TIC

Ana Prieto presentou os talleres, que servirán para difundir a través das novas tecnoloxías a documentación e material gráfico recompilado nos tres últimos obradoiros da Xunta desenvolvidos en Lugo

Esta nova iniciativa do Goberno responde ao compromiso de “crear emprego a través da formación nas profesións con máis futuro”, e ao compromiso do Concello de potenciar o turismo como motor económico da cidade”

Venres, 26 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello solicita dous obradoiros para investir 425.600 euros na mellora da inserción laboral de 48 desempregados no eido das TIC

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou este venres que o Concello vén de solicitar dous obradoiros de emprego á Xunta de Galicia co fin de investir máis de 425.600 euros na posta en valor do patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao mesmo tempo que se facilita a formación a 48 lucenses desempregados, encamiñada a acadar un nivel adecuado de coñecementos para mellorar a súa inserción laboral.

Esta nova iniciativa do Goberno responde ao compromiso de “crear emprego a través da formación nas profesións con máis futuro”, asegurou Prieto, quen fixo fincapé no desemprego como problema prioritario para o Concello, “polo que continuaremos a solicitar obradoiros e a desenvolver iniciativas que melloren a formación dos parados lucenses, pois é un dos piares da nosa acción de Goberno, xunto ao benestar social”. Neste senso, a edil lembrou as iniciativas levadas a cabo polo Concello neste eido, como o Lugo Emprego activo 2, o Lucus Mundi ou o obradoiro Cultur@ Lvcs, que contribúen á inserción laboral dos veciños e veciñas do municipio.

Os obradoiros enmárcanse ademais no compromiso do Concello de seguir potenciando a actividade turística como motor económico da cidade, que recibiu no pasado mes de xaneiro a máis de 1.500 persoas, un 28% máis que o mesmo período do ano pasado.

As novas tecnoloxías, xacemento de emprego

Os obradoiros solicitados darán continuidade e supoñen un complemento imprescindible aos tres últimos talleres que financiou ao Concello a Administración autonómica: a Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs e Urbs Lvcvs, relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación do patrimonio histórico e cultural do que é titular o Concello de Lugo, e que facilitaron mellorar a ocupabilidade de 70 persoas desempregadas.

Para a posta en valor de todo o material atesourado nestes 3 obradoiros, -198 libros, 21.000 imaxes, 2.300 planos, máis de 3.200 fotografías e dixitalización 3D-, “é axeitado dispor destes novos obradoiros que pechen esta cadea de valor, culminando ese traballo coa posta a disposición de todo o material a través das TICs e dos instrumentos de comunicación actuais á toda a cidadanía, turistas, investigadores, profesores ou estudantes”, explicou a Concelleira.

“De aí tamén a nosa solicitude, pois o eido das novas tecnoloxías é un xacemento de emprego con proxección de futuro, que en 2013 deu traballo a preto de 400.000 persoas en España de forma directa, e a 1,2 millóns de forma indirecta, xerando cada emprego do sector TIC seis empregos inducidos, segundo o Observatorio Nacional de Telecomunicacións”, subliñou Prieto, quen asegurou que, “mentres haxa un só desempregado no municipio, este Goberno seguirá traballando na creación de emprego, creando un novo plan de emprego activo, tal e como nos comprometemos no noso programa electoral e como levamos na nosa proposta de orzamentos para o ano 2016”.

As actuacións máis relevantes

Todos os participantes recibirán un certificado de profesionalidade nunha das súas distintas especialidades, Desenvolvemento de Produtos Multimedia Interactivos, a través do que como ben di o nome, se deseñará un produto multimedia; Sistemas de Xestión de Información, no que se construirá e implementará un portal web; ou Xestión de Marketing e Comunicación, no que se planificará a difusión do proxecto.

Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas a impartir no obradoiro, atópase o deseño, construción e implementación dun portal web, o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de marketing, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros.

Para esta candidatura, que estará resolta en xuño, o Concello contou coa colaboración de profesionais de novas tecnoloxías, así como da Fundación TIC.

Audio

  • Ana Prieto, sobre a solicitación de dous obradoiros de emprego á Xunta de Galicia |Descargar mp3

Noticias relacionadas