Revitalizar O Carmen; poñer en valor o Camiño de Santiago e o patrimonio arqueolóxico; crear accesos rodados, en bicicleta e a pé entre a trama urbana e o río; e impulsar o entorno fluvial son as liñas estratéxicas de Muramiñae
Ademais da transformación do entorno entre a Porta Miñá e o Miño, este plan “avanzará na integración urbana e social de toda a cidade, potenciará o turismo como motor económico e mellorará a mobilidade”, destacou a Alcaldesa
Unha vez aprobada a candidatura na Xunta de Goberno, será enviada para a súa avaliación este mércores. A resolución da UE coñecerase antes do mes de maio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este luns a candidatura coa que o Concello aspira aos fondos europeos de Desenvolvemento Urbano, Sostible Integrado (DUSI), un proxecto “ambicioso e atractivo” que responde ao modelo de cidade “verde, sostible, integradora e moderna” que o Goberno local quere para Lugo. Baixo a denominación de Muramiñae: Da Muralla ao Miño e cun orzamento total de 18,7 millóns de euros, a iniciativa coa que o Concello aspira aos fondos da UE ten como obxectivo fundamental “unir a cidade e o río a través da zona do Carmen, eliminar a discontinuidade urbana que existe entre a Porta Miñá e o Miño, aproveitando ademais que por alí discorre o Camiño de Santiago e, deste xeito, integrar o entorno fluvial na cidade”.
A rexedora destacou “a capacidade e solvencia” que o Concello de Lugo ten demostrado na consecución e xestión de fondos europeos, con uns 100 millóns de euros executados dende hai 16 anos en proxectos que transformaron a cidade. “Sabemos que os fondos europeos son unha inxección económica que nos permite acometer investimentos para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e fomentar o crecemento socioeconómico da cidade, sobre todo, cando as outras fontes de ingresos están mermadas”, indicou.
Deste xeito, “no Goberno traballamos de forma decidida e continua para captar novos recursos da UE en todas as convocatorias”, engadiu Méndez, quen lembrou a recente consecución do plan Life Lugo+Biodinámico, dotado con 3,5 millóns de euros, ou a presentación en outubro dunha candidatura ao programa Cidades Intelixentes, cun orzamento de 4,1 millóns de euros, co fin de utilizar as novas tecnoloxías para gañar eficiencia e axilidade no propio funcionamento da Administración.
Agora, explicou a Alcaldesa, “co aval de ter certificado ao peche de 2015 a totalidade dos fondos europeos do plan URBAN, aspiramos a unha nova liña de financiamento no eido urbanístico”, o DUSI, cuxo prazo de presentación de candidaturas se abriu o 13 de novembro. Polo tanto, “en 45 días naturais temos listo un proxecto que responde ao noso modelo de cidade e está baseado no Plan Estratéxico e no Plan de Mobilidade, ademais de incluír actuacións que cumpren con diversos acordos tomados no Pleno”.
A candidatura ao DUSI foi aprobada o venres pasado en Xunta de Goberno, a Alcaldesa prensentoulla esta mesma mañá aos grupos políticos nunha Xunta de Voceiros e mañá será exposta ao Consello Económico e Social (CES).
Liñas estratéxicas
Co fin de unir a cidade e o río, favorecer a integración urbana e social, poñer en valor o patrimonio cultural e natural, e mellorar a mobilidade, Muramiñae inclúe unha serie de actuacións que poden agruparse nas seguintes grandes liñas estratéxicas:
1.- Revitalización da zona do Carmen con accións de humanización e ordenación urbanística. Entre outras medidas, plantéxase a creación dun centro social e cultural que favoreza a integración das “preto de 90 nacionalidades que convivimos en Lugo”, indicou a Alcaldesa.
2.- Posta en valor do patrimonio:
- Acondicionamento da traza do Camiño de Santiago
- Estudo arqueolóxico da zona e creación de novas ventás arqueolóxicas, elaboración de material didáctico, e posta en valor dos restos arqueolóxicos das Termas Romanas
3.- Creación de novas conexións a pé, en bicicleta e rodadas entre a trama urbana e o río para favorecer a mobilidade e o acceso a zonas de esparexemento e deportivas situadas no entorno do Miño, como o estadio de fútbol Anxo Carro, o Pazo de Feiras e Congresos ou o Club Fluvial.
Entre outras medidas, inclúense:
- Crear un acceso rodado á altura da Volta da Viña que conecte directamente coa N-VI en sentido A Coruña, evitando así o rodeo que os conductores teñen que facer na actualidade. Isto mellorará a seguridade de vehículos e peóns e permitirá peonalizar a Calzada da Ponte, actuación tamén contemplada neste proxecto.
- Construír unha pasarela sobre o río e ampliar o paso subterráneo
- Acondicionar un acceso que permita chegar a pé á zona fluvial, o que contribuirá a diminuír o tráfico rodado e humanizar a cidade
- Potenciar o uso do transporte público coa ampliación e a modernización da rede de transporte; desenvolver un plan de mobilidade en bicicleta, e a intermodalidade entre o transporte público e a bicicleta
4.- Impulso do entorno fluvial con novas actividades e dotacións culturais, así como accións de protección da ribeira e rexeneración de espazos. Entre outras medidas, proponse a creación dun parque temático da cultura castrexo romana no entorno fluvial que recree esta época e que acolla actividades divulgativas, con aportacións das asociacións culturais da cidade vinculadas ao Arde Lucus.
5.- Estimular a creación de emprego e a inserción sociolaboral, e apoiar o emprendemento a través de iniciativas relacionadas coa revalorización dos recursos naturais e patrimoniais.
6.- Potenciar o uso das novas tecnoloxías para ampliar os servizos públicos prestados aos cidadáns e poder facelo con máis eficacia e eficiencia, mellorar a transparencia, e impulsar a participación cidadá e a estratexia de Goberno Aberto.
Entre outras actuacións, inclúese:
- Modernizar a Administración Electrónica
- Ampliar os servizos dispoñibles da Tarxeta Cidadá para atraer novos usuarios e mesmo crear unha App cos servizos e virtualizar a tarxeta
- Desenvolver unha plataforma con navigador xeográfico –XIS- para a xestión intelixente das infraestruturas locais e o mobiliario urbano
- Crear unha plataforma de participación cidadá, unha aplicación que permita xestionar as súas solicitudes e iniciativas, e un sistema que permita realizar notificacións masivas aos veciños en función dos seus intereses
7.- Medidas de aforro enerxético e medioambientais:
- Instalación de dispositivos de aforro enerxético
- Sistemas de xestión que permitirán o control punto a punto da rede de alumeado para conseguir un consumo eficiente
- Renovación do equipamento
- Implementación dun sistema de toma de datos e análise que axude a identificar accións para optimizar o consumo
- Fomento da reciclaxe orgánica
Integración de norte a sur e de este a oeste
“Ademais dunha importante transformación do entorno comprendido entre a Porta Miñá e o río Miño que mudará a faciana de Lugo e coa que avanzamos cara unha cidade integrada e integradora a nivel urbano e social de norte a sur e de leste a oeste, con estas actuacións conseguiremos potenciar o turismo como motor económico do concello, mellorar a mobilidade e converter o río nun elemento dinamizador máis”, destacou a Alcaldesa.
Orzamento
O dotación económica que o Concello solicita para Muramiñae é de 18,7 millóns de euros: 15 millóns (o 80%) procedentes da Unión Europea –o máximo por candidatura- e 3,7 millóns do Concello.
Prazos de resolución
Unha vez aprobado na Xunta de Goberno, será enviado para a súa avaliación este mércores, día 13. O prazo máximo de resolución que marcou Europa é de 6 meses dende a apertura da convocatoria de fondos, polo que, como moi tarde, en maio a decisión estará tomada.
“Creo que fixemos un gran traballo, serio, rigoroso, transversal, que contou e seguirá contando coa participación cidadá e segue unhas liñas estratéxicas moi claras que parten do modelo de cidade que queremos para Lugo: unha cidade verde, sostible, integradora, moderna e atractiva”, argumentou Lara Méndez, quen agradeceu o “moi bo traballo” realizado de maneira transversal polos distintos departamentos municipais para elaborar esta candidatura.
Audios
- Lara Méndez, sobre a presentación de Muramiñae I |Descarga mp3
- Lara Méndez, sobre a presentación de Muramiñae II |Descargar mp3