Ana González Abelleira presentou a programación de animación sociocultural para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos veciños e veciñas, ao tempo que se ofrecen alternativas lúdicas e de lecer saudable
As inscricións para as Aulas Abertas deben realizarse do 12 ao 14 de xuño, e para as viaxes, do 27 ao 30 de xuño. Para as actividades deportivas non é necesaria inscrición previa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este xoves no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra a programación de animación sociocultural dirixida tanto a nenos e nenas como a adultos, que organiza o Concello para este verán, co obxectivo de dar facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral dos veciños e veciñas, ao tempo que se ofrecen alternativas lúdicas e de lecer saudable.
O Concello ofrece actividades deportivas ao aire libre nos meses de xullo e agosto, das 11:00 ás 12:00 horas. Trátase de ioga, que terá lugar os xoves na praza de Augas Férreas e os mércores no Parque de Rosalía de Castro, e de zumba, os martes e luns nestes mesmos emprazamentos. Son actividades gratuítas para as que non é necesaria inscrición previa, tal e como informou a edil.
No que se refire ás excursións de verán, a entidade local ten preparadas 4 saídas a Cariño, Ourense, Ferrol e San Cibrao, con paradas en Vilalba, Monforte, As Pontes e Mondoñedo, respectivamente; os días 13 e 27 de xullo e o 3 e o 17 de agosto. Os interesados poden inscribise entre o 27 e o 30 de xuño no centro de convivencia Maruja Mallo, en horario de 10:00 a 13:00 horas. A saída para estas viaxes será ás 09:00 horas dende a Praza de Bretaña, e o regreso ás 21:00 horas a este mesmo punto. O prezo a aboar é de 4,12 euros. Ademais, os veciños e veciñas da zona rural poderán participar en dúas excursións, nas que visitarán as Médulas de Ponferrada.
Por último, o Concello mantén as Aulas Abertas para os nenos e nenas entre 3 e 11 anos nos centros de convivencia de Fingoi, Uxío Novoneyra, María Balteira, Lamas de Prado, Milagrosa e Maruja Mallo. O Concello oferta 45 prazas en xullo e agosto. Os interesados poden inscribirse do 12 ao 14 de xuño, no centro no que desexen realizar as actividades, en horario de 10:00 a 13:00 horas, aboando 1,03 euros por día. Os horarios varían dependendo do centro, sendo de 10:00 a 13:30 horas en Fingoi e no Uxío Novoneyra, de 09:00 a 14:00 horas en María Balteira, Lamas de Prado e na Milagrosa, e de 08:45 a 14:15 horas no Maruja Mallo. Como novidade este ano e para facilitar as inscricións, a adxudicación de prazas realizarase mediante un sorteo, que terá lugar o día 15 de xuño.
Máis información no teléfono de información municipal 010 e na web www.lugo.gal.
Audio
- Ana Abelleira - Actividades verán | Descargar mp3
+ info
- Programa Animación Sociocultural verán 2017 | Descargar pdf