O Concello instala sinais con luces led en tres pasos de peóns da cidade para mellorar a seguridade vial e dos peóns

Inviste máis de 10.000 euros na iniciativa, coa que responde ás peticións veciñais nos Orzamentos Participativos

Os indicadores quedaron instalados hoxe no cruce da Avenida da Coruña con Ramiro Rueda, e despois de Reis colocaranse no entorno de dous colexios

Martes, 29 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello instala sinais con luces led en tres pasos de peóns da cidade para mellorar a seguridade vial e dos peóns

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes que o Concello comezou a instalación de sinais luminosas de tecnoloxía led en tres pasos de peóns da cidade co fin de mellorar a visibilidade e con elo a seguridade vial e dos peóns. Estas sinais contan con placas solares e sensores de movemento, de tal xeito que os pasos se iluminan cando os peóns se aproximan a cruzar. Tamén dispoñen de sensores de movemento adaptadas a persoas con diversidade funcional.

Con esta iniciativa, dotada con máis de 10.000 euros, o Concello dá resposta ás peticións veciñais realizadas nos Orzamentos Participativos.

Os pasos nos que se sitúan as sinais luminosas non se atopan regulados por semáforos e foron establecidos polo Gabinete de Tráfico da Policía Local en coordinación coa rexedora, tendo en conta a proximidade a centros escolares e nunha vía de alta densidade de circulación, como é a Avenida da Coruña.

Deste xeito, este martes quedaron xa instaladas sinais luminosas no cruce entre a Avenida da Coruña e a rúa Ramiro Rueda, e despois de Reis colocaranse nas inmediacións dos colexios Luis Pimentel e Divino Maestro, nas rúas Gallego Tato e Portugal, respectivamente, por onde accede o alumnado a estes centros escolares.

A colocación das sinais luminosas en pasos de peóns é unha experiencia piloto, á que o Concello estudará darlle continuidade ampliándoa a máis zonas da cidade.

Noticias relacionadas