O Concello habilita o CEI-NODUS como novo punto de votación para as propostas dos Orzamentos Participativos

O horario para participar é de 10:00 a 13:00 horas. Súmase así ao espazo que se dispuxo, para votar tamén de xeito presencial nesta iniciativa, no Edificio de Novas Tecnoloxías; tanto de mañá como de tarde. O prazo remata o 14 de novembro

Para os veciños e veciñas de Lugo, maiores de 14 anos, que escollan participar de xeito telemático; hoxe, ás 23:59 horas, remata o prazo para verificar a conta, en loop.lugo.gal

Xoves, 08 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello vén de habilitar, como novo punto de votación para as propostas dos Orzamentos Participativos, o CEI-NODUS. Así o anunciou a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen lembrou que para as persoas que escollan votar de xeito presencial, existen dous lugares para facelo: un no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza Anxo Fernández Gómez, de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 19:00 horas, e a partir de agora tamén no CEI-NODUS, en xornada de mañá, de 10:00 a 13:00 horas. As persoas que opten por este xeito de participación deberán presentar o seu DNI. Poden  votar ata o 14 de novembro.

Pola contra, para os veciños e veciñas de Lugo, maiores de 14 anos, que escollan participar de xeito telemático; hoxe, ás 23:59 horas, remata o prazo para verificar a súa conta, en loop.lugo.gal; co fin de que cada persoa só poida emitir un voto.

Esta é a terceira fase dos Orzamentos Participativos, tras unha primeira de recollida de propostas, e unha segunda de avaliación de ditas propostas, por parte dun equipo técnico municipal. En total a cidadanía poderá escoller entre unhas 110 propostas.

O orzamento municipal destinado a accións de orzamentos participativos é de 350.000€. Todas as propostas viables teñen asociado un custo, polo que se poderá votar todas as propostas que se consideren interesantes ata o límite do orzamento previsto. A medida que se vaian seleccionando propostas o custe vaise descontando do orzamento total. Ao final da fase de votación, realizarase un reconto de maneira automática e transparente dos votos de cada proposta e as máis votadas son as que o Goberno levará a cabo.

Con este proceso, o Goberno de Lugo fomenta a participación veciñal, promove que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e que se convirta en protagonista activa do que pasa no seu municipio e mellora a comunicación entre o Concello e a veciñanza.

Máis información en https://loop.lugo.gal/

Audio

  • Rosana Rielo, sobre os Orzamentos Participativos | Descargar mp3

Noticias relacionadas