O Concello e CC As Termas impulsan un certame que premia a innovación empresarial

A Concelleira de Economía e o xerente do centro comercial presentaron o proxecto Wonderful, que busca fomentar proxectos innovadores que melloren a relación do cliente co seu centro comercial e a relación dos cidadáns coa cidade

As candidaturas poden presentarse ata o 4 de xuño e os gañadores recibirán acceso a financiamento, investimento privado, ferramentas tecnolóxicas e difusión

Luns, 24 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello e CC As Termas impulsan un certame que premia a innovación empresarial

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o xerente do Centro Comercial As Termas, Esteban Patiño, xunto a un representante do Grupo PGS, organizador do certame, Federico García Liñares, presentaron este luns na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías o proxecto Wonderful, unha iniciativa promovida polo Centro Comercial As Termas, en colaboración co Concello, dentro das accións de responsabilidade social corporativa de LAR España, propietaria da área comercial, co obxectivo de fomentar a innovación empresarial, tanto no ámbito dos centros comerciais, como no conxunto da cidade.

Ana Prieto puxo en valor que esta nova iniciativa é froito da “responsabilidade social empresarial, unha estratexia que xera un importante retorno económico, porque é unha vantaxe competitiva e un factor diferenciador, pero tamén un importante retorno social, e que resulta imprescindible nunha sociedade cada vez máis esixente coa sostibilidade e as formas socialmente responsables de negocio”.

O proxecto Wonderful en si mesmo, engadiu, “ten un marcado perfil social, pero tamén me gustaría salientar o marcado carácter social do seu contido, pois premiaranse, ademais de proxectos para centros comerciais e tendas, solucións innovadoras que melloren a calidade de vida do cidadán con respecto á súa cidade, un aspecto que como Concello valoramos moito porque contribuirá a avanzar no modelo de cidade polo que traballamos: unha cidade máis amable, aberta, humana, cómoda...”

A Concelleira agradeceu a Lar España que elixise a Lugo para desenvolver este proxecto de impulso da innovación emprendedora, que acollerá só outra provincia galega e 8 en toda España, e animou aos emprendedores e empresarios do municipio “a participar cos seus proxectos. En Lugo temos moito talento”.
Pola súa banda, o xerente do Centro Comercial As Termas, agradeceu ao Concello que acollese “con moitas ganas” este proxecto, que busca “axudar a que saian adiante proxectos de innovación, fundamentais para o desenvolvemento social e económico, na fase de inicio, que é a máis comprometida”.

O representante de PGS explicou que poderán presentarse ao concurso  emprendedores ou empresas que desenvolven a súa actividade na provincia de Lugo e que, aínda que a innovación se adoita asociar ás novas tecnoloxías, non ten porque ser así, senón que pode consistir na mellora de procesos xa existentes ou na aplicación de un sistema nun ámbito onde hoxe non se fai.

Categorías, premios e prazos
O proxecto Wonderful inclúe dúas categorías:

  • O Teu Centro Comercial, que premiará os proxectos de negocio ou empresas máis innovadoras que solucionen ou melloren a relación do cliente co seu centro comercial ou tendas.
  • A Túa Cidade, que premiará solucións innovadoras que melloren a relación dos cidadáns coa cidade.

Os gañadores conseguirán un conxunto de premios orientados a axudarlles a poñer en marcha o seu negocio grazas aos patrocinadores de Wonderful (Correos Lab, BzSpark de Microsoft, BStartup de Banco Sabadell ou El Economista) e que consistirán, entre outros, en acceso a financiamento bancario, investimento privado, ferramentas tecnolóxicas e difusión.

Os gañadores en cada rexión da categoría O Teu Centro Comercial participarán no Wonderful Summit presentando os seus proxectos de negocio no primeiro Encontro Nacional de Innovación en Centros Comerciais e Retail, que se celebrará en xullo.

Poderán presentarse candidaturas ata o 4 de xuño a través da web www.proyectowonderful.es 

Audio

  • Presentación proxecto Wonderful As Termas (Ana Prieto) | Descargar mp3

Noticias relacionadas