O CEI-Nodus cumpre os seus dez primeiros anos de vida con máis de 3.000 proxectos asesorados e 700 postos de traballo creados

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Rosana Rielo, fixo esta mañá un balance dos dez primeiro anos de funcionamento do Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo (CEI-Nodus) e no que naceron e permaneceron 76 empresas diferentes.

Luns, 01 de decembro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Rosana Rielo manifestou que “para o Concello este proxecto é unha das apostas principais para a dinamización empresarial da cidade e unha das mellores opcións para xerar autoemprego”. Así, explicou que a creación destas 76 empresas xerou máis de 100 postos directos de emprego e máis de 200 postos de traballo de maneira indirecta.

A outra labor fundamental do CEI-Nodus é o asesoramento de proxectos e a información sobre axudas e lexislación. Neste aspecto, ao longo destes dez anos, deuse asesoramento a máis de 3.000 proxectos dos que alomenos fructificaron 400 empresas que xeraron en torno a 500 novos postos de traballo.

Ademais, da xestión da ocupación dos despachos, semilleiros e laboratorios tamén se realiza unha importante labor de difusión e formación a emprendedores e estudantes, en moitas ocasións en colaboración con outras entidades, nos que se estima que máis de 5.000 persoas participaron nas diferentes actividades realizadas como cursos, visitas ou charlas de orientación.

A responsable da área de Economía tamén destacou que a porcentaxe de supervivencia das empresas que se crean e intalan no CEI-Nodus é de preto do 90%, “unha moi boa porcentaxe tendo en conta a situación económica actual”.

Noticias relacionadas