Os representantes da Institución acudiron un ano máis á cidade para participar nos actos organizados na honra da Virxe da Esperanza.
“Este encontro pon en valor a historia compartida entre a nosa cidade e a Armada e reflicte a vontade de seguir cultivando un vínculo que se transmite de xeración en xeración”, sinalou o rexedor.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu no Salón de Plenos do Concello aos altos cargos da Armada, na tradicional parada militar que simboliza os lazos que ámbalas dúas institucións manteñen dende hai máis de 60 anos con motivo da celebración da Semana Santa.
Á recepción, presidida polo rexedor, asistiron Gonzalo Villar Rodríguez, Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol; Victor H. Blanco, axudante do Almirante; Francisco Guerrero Mayol, Comandante do Terzo Norte; Tomas Luis Cordón, director da Escola A. Escaño; Miguel López, axudante maior; -acompañados moitos deles polas súas esposas- así como o Presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta Piñeiro; e membros da Confraría da Virxe da Esperanza.
Durante o acto, Miguel Fernández subliñou que “esta é unha ocasión que vai máis alá do protocolo. É un reencontro anual que pon en valor a historia compartida entre a nosa cidade e a Armada, e que reflicte a vontade de seguir cultivando un vínculo que se transmite de xeración en xeración”. Ademais, o rexedor puxo en valor a implicación do Arsenal de Ferrol na procesión da Virxe da Esperanza: “A súa presenza nas rúas de Lugo é sempre recibida con cariño pola veciñanza. Representa unha conexión viva co noso pasado e co noso sentir colectivo, e contribúe a reforzar o carácter singular da nosa Semana Santa”.
Unha relación que ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, cando o Tercio Norte tomou parte activa na defensa da cidade de Lugo, en 1809, derrotando aos franceses no sitio actual das Gándaras. Esa vitoria do Tercio Norte evitou a toma da cidade polas tropas de Napoleón. Xa a mediados do século XX, en 1953, o entonces Ministro da Mariña recibiu, no nome da Armada, o título de Irmán Maior Honorario da cofradía da Virxe da Esperanza e a partir desa data a Armada participa ininterrumpidamente nos actos da Semana Santa de Lugo escoltando na súa procesión á Virxe da Esperanza.
“O impacto desta celebración non se limita ao seu valor espiritual ou cultural, senón que tamén ten unha repercusión directa na dinamización da economía local, atraendo visitantes e promovendo a cidade fóra da tempada alta”, concluíu o alcalde en relación a esta procesión e a todos os pasos da Semana Santa lucense.



