O alcalde, xunto a José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez, puxo en valor o “importante proceso de transformación que vivíu a cidade desde dito recoñecemento”.
O rexedor municipal destacou “o traballo realizado polos sucesivos gobernos socialistas para impulsar o cambio urbano, social e económico, así como a mellora na calidade de vida das e dos lucenses”.
Alcaldía prepara un conxunto de actos para conmemorar a efeméride dun monumento, que supuxo tamén a aposta por un modelo de cidade sostible, habitable e acolledora.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reuniuse esta mañá co portavoz do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e coa deputada autonómica e ex alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na contorna da Praza do Ferrol para poñer en valor os 25 anos que se cumprirán o vindeiro 30 de novembro da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Ademais eloxiou o proceso de transformación experimentado pola cidade e impulsado polos sucesivos gobernos socialistas, desde dito recoñecemento internacional. Neste sentido, Miguel Fernández sinalou que “A declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade supuxo un auténtico antes e un despois para Lugo. A partir dese momento, a cidade situouse no mapa a nivel internacional e comezou un proceso de transformación urbana, social e económica que aínda hoxe está en marcha”.
Ao respecto da efeméride que se celebrará este ano, o rexedor municipal sinalou que “un cuarto de século despois, seguimos a sentir con orgullo aquela decisión histórica que recoñeceu o valor universal dunha das nosas xoias máis queridas, símbolo de identidade e memoria colectiva para toda a cidadanía lucense”.
Para o alcalde de Lugo “o traballo desenvolvido ao longo destas dúas décadas e media polos sucesivos gobernos socialistas á fronte do Concello permitiu construír unha cidade con mellor calidade de vida, capaz de capitalizar o seu patrimonio histórico e artístico como motor económico a través do turismo, sen renunciar á súa esencia nin ao seu carácter”.
Miguel Fernández falou de como a Muralla de Lugo segue a “simboliza como ningún outro espazo o orgullo que os lucenses e as lucenses sentimos polo noso fogar”. Por iso quixo poñer en valor “o proceso transformador máis importante da historia contemporánea de Lugo que comezou con este recoñecemento” incidindo de xeito especial no traballo desenvolvido “polo alcalde Orozco, polo que continuou Lara Méndez e polo labor de Paula Alvarellos no tempo que estivo na Alcaldía, e que eu agora teño o privilexio de liderar”.
Desde a Alcaldía do Concello de Lugo estanse a preparar un conxunto de actos para conmemorar esta importante efeméride, unhas actividades que permitan compartir este 25 aniversario coa cidadanía, coas institucións culturais e educativas, co tecido asociativo e, por suposto, co sector turístico e económico da cidade. “Será unha ocasión para poñer en valor non só o monumento, senón o modelo de cidade que se consolidou arredor del: sostible, habitable, acolledora e orgullosa do seu pasado”, explicou Miguel Fernández.
O rexedor lucense fixo fincapé en todo o que implica este recoñecemento que vai moito máis aló da distinción do propio monumento. “A Muralla é un espazo vivo, que nos conecta co legado romano pero tamén co futuro de Lugo. Este aniversario é unha oportunidade para reafirmar o noso compromiso coa súa conservación, coa súa proxección e co seu papel como eixo vertebrador da vida lucense”. Por último, o alcalde falou do papel clave que seguirá a xogar a Muralla no crecemento da cidade e insistiu en que “cando un pobo coida e valora o seu patrimonio, tamén está a coidar e a construír o seu futuro”.


