Medio Rural lembra que Lugo dispón dunha ordenanza de corta e saca da madeira coa que regularar a actividade extractiva forestal

A ordenanza pretende facer compatible o aproveitamento forestal coa conservación das dotacións públicas, a preservación do medio e a protección da paisaxe.

A solicitude de autorización, podese descargar ou cumprimentar vía telemática a través da web do Concello de Lugo.

Venres, 12 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural lembra que Lugo dispón dunha ordenanza de corta e saca da madeira coa que regularar a actividade extractiva forestal

O Concello de Lugo, dende a área de Medio Rural que dirixe Miguel Fernández, lembra que existe unha nova normativa específica para poder velar pola protección e conservación das vías públicas municipais, en relación coas operacións forestais de corta, saca, depósito e transporte de madeira.

Segundo a Ordenanza, para realizar tarefas de corta e saca de madeira en terreos con plantacións forestais pertencentes ao municipio, será obrigatorio presentar no rexistro unha solicitude de autorización, con 15 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio dos traballos que se poderá descargar ou cumprimentar vía telemática a través da web do Concello de Lugo:

Na mesma, deberán figurar, entre outros datos, a identificación do titular e a catastral  das leiras ou montes afectados, os lugares escollidos para o depósito da madeira á espera da súa carga, os camiños a empregar nas operacións de saca e transporte da mesma e o listado dos vehículos e maquinaria a utilizar no operativo, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado dos viais públicos que se usarán e unha copia da póliza de seguro de responsabilidade civil en vigor.

A administración dará contestación, favorable ou desfavorable, nun prazo máximo de 15 días e, transcorrido ese período sen notificar, a autorización considerarase concedida.

O concelleiro explica que “a ordenanza obriga a limpar, retirar ou eliminar todos os restos forestais procedentes da corta e saca e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden no mesmo estado que tiñan inicialmente”. Igualmente terán que sinalizar as zonas da realización dos traballos e as de acopio e responder dos danos ocasionados en todo tipo de instalacións e infraestruturas, como consecuencia da realización das actividades de corta a saca da madeira así como comunicar a finalización dos traballos.

Os solicitantes deberán depositar unha fianza en metálico ou un aval bancario a favor do Concello por cada operación de corta e saca co obxecto de responder dos posibles danos causados, por mor da actividade e poderán solicitar a devolución da mesma que se efectuará nun prazo dun mes, previo informe favorable dos Servizos Técnicos Municipais que comprobarán o estado de conservación e limpeza das vías e espazos de dominio público local. Esta garantía deberá depositarse na Tesourería e, no caso das empresas que dentro do territorio municipal vaian realizar numerosas cortas ao longo do exercicio, poderán depositar unha única fianza anual por valor de 10.000 euros. O incumprimento deste requisito pode dar lugar a que a administración suspenda os traballos.

Audio

  • O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a ordenanza da madeira | Descargar mp3

Noticias relacionadas