Maite Ferreiro confirma o percorrido definitivo da cabalgata de Reis na Xunta Local de Seguridade

O percorrido volverá ser o habitual, partindo ás 18:00 do Parque da Milagrosa, continuando pola avenida da Coruña e entrando no centro pola Porta de San Fernando para continuar pola rúa San Fernando, rúa San Marcos, santo Domingo e rúa da Raíña, antes de rematar diante do Concello.

O desfile leva por título 'Nómadas' e contará con 4 carrozas e 14 espectáculos teatrais itinerantes musicais con máis de 80 artistas.

Xoves, 26 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro confirma o percorrido definitivo da cabalgata de Reis na Xunta Local de Seguridade

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, formou parte da xuntanza da Xunta Local de Seguridade previa á cabalgata de Reis, xuntanza que se celebra anualmente antes de eventos que supoñan grandes reunións de persoas e que permite, segundo indicou Maite Ferreiro, "coordinar as necesidades da cabalgata en canto a seguridade e protección da veciñanza".

A edil de Cultura confirmou nesta xuntanza o percorrido definitivo da cabalgata, que volverá ser o habitual, partindo ás 18:00 do Parque da Milagrosa e continuando pola avenida da Coruña. A entrada no recinto histórico será pola Porta de San Fernando e  continuará percorrendo as rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, antes de rematar diante do Concello aproximadamente ás 19:30, momento no que os Magos de Oriente recibirán a todas as nenas e nenos que entren no Concello.

A Xunta Local de Seguridade conta coa representación de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local, ademais de Garda Civil e Policía Nacional, a quen a edil de Cultura agradeceu "a implicación e colaboración, que se nota no bo resultado do desfile dos Reis Magos pola cidade ano a ano".

O desfile contará cas catro carrozas, as tres dos Reis e a dos agasallos. En total haberá 14 espectáculos que inclúen a partipación de 80 actrices, actores e músicas. Submarinos, caravanas cirquenses, zeppelíns, grandes animais, músicas diversas e moito máis, unha espectacular posta en escena que acompañará ás súas maxestades no seu percorrido pola cidade. Durante o desfile, os paxes reais repartirán 1500 quilos de caramelos entre todas as nenas, nenos e maiores que se acheguen a saudalos.

Noticias relacionadas