Ferreiro: "unha ilustradora profesional será quen poña a imaxe das festas máis importantes de Lugo, o San Froilán".
O concurso infantil de debuxo para o cartaz do San Froilán Miúdo volverá convocarse este ano, cun premio para a nena ou neno gañador de 300€ en material de pintura.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantiveron un encontro coa directiva da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), que comezará a colaborar coa área de Cultura de cara á elaboración do cartel das festas do San Froilán. Maite Ferreiro explicou que "seguimos a traballar na profesionalización das festas máis importantes de Lugo, facendo que a partir de agora, cada ano unha lucense profesional da ilustración elabora o cartaz das festas".
Ferreiro afirmou que "estamos vendo como moitas festas que seguían o modelo de concurso están a ter que modificar os carteis debido ao uso de ferramentas como a Intelixencia Artificial", e engadiu "con esta medida queremos promocionar o traballo das profesionais da ilustración de Lugo, dando a súa propia visión ás nosas festas".
Maite Ferreiro confirmou que a Tenencia de Alcaldía seguirá a realizar o concurso infantil de debuxo co que se escolle o cartaz do San Froilán Miúdo. "Animamos ás nenas e nenos de Lugo a seguir participando neste concurso, e agardamos que no futuro as nenas e nenos participantes continúen a adicarse ao deseño de maneira profesional".
Nos vindeiros días publicaranse as bases para o concurso infantil. A persoa gañadora do concurso do San Froilán Miúdo, recibirá material de pintura e debuxo valorado en 300€. "Cada ano vemos a gran calidade dos debuxos das rapazas e rapaces que anualmente se presentan a este certame", afirmou Ferreiro.
Audio
- A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o cartel do San Froilán | Descargar mp3


