Lara Méndez reúnese coa mocidade que participa nas actividades de formación municipais para coñecer as súas inquedanzas

O alumnado recolleu hoxe os diplomas acreditativos por ter asistido aos cursos de iniciación á apicultura, socorrismo, monitor de tempo libre, boxing, moda circular, show cooking, pilotaxe e loita olímpica.

A rexedora aproveitou a ocasión para convidalos a participar na iniciativa lúdico formativa Proxecta-cidade e ser parte activa da segunda gran transformación de Lugo en prol dunha localidade máis confortable, sostible e con áreas de maior benestar.

Mércores, 01 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez reúnese coa mocidade que participa nas actividades de formación municipais para coñecer as súas inquedanzas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniuse hoxe con preto de cen mozos e mozas, participantes dos cursos de formación que se desenvolveron neste semestre desde á concellería de Xuventude para mellorar as súas capacidades co obxectivo de atopar emprego.

A rexedora, que quería coñecer as súas opinións sobre a cidade e tamén as súas inquedanzas de futuro, aproveitou o encontro para trasladarlles a preocupación do Concello por impulsar oportunidades laborais na mocidade.

“A transformación urbanística e medioambiental de Lugo na que estamos a traballar non será suficiente se as e os lucenses non teñen a capacidade de atopar un traballo no seu municipio para poder desenvolver aquí o seu proxecto profesional e vital”, afirmou.

Méndez, que estivo acompañada do edil Mauricio Repetto, fixo entrega esta tarde dos seus diplomas acreditativos aos mozos e mozas que participaron nas diferentes propostas organizadas pola área de Xuventude.

A rexedora destacou o éxito e boa acollida que tivo a convocatoria no que vai de ano, na cal participaron máis de 250 persoas e combinou formación naqueles nichos de emprego que poden resultar interesantes para á rapazada, como o do socorrismo – a través do que obtiveron a homologación da Xunta para poder acadar o carné profesional - , con iniciativas de ocio e de vida saudable, como o Show Cooking ou a moda circular cos que se fomenta a sostibilidade e a colaboración e sinerxía en diferentes sectores.

Entre as propostas que se levan ofertado  figuran os cursos orientados á pilotaxe e ao mantemento e posta a punto de coches de radio control, que se impartiron no circuíto de radio control do Parque de Frigsa. E dentro do programa +Xti, encamiñado á prevención das adiccións, tamén se habilitaron accións de formación para vixilante de seguridade, carretilla elevadora, prevención de riscos laborais ou traballos en altura.

Sen esquecer outras opcións de ocio alternativo como a música, o baile, os xogos tradicionais, ou o sendeirismo.

Lara Méndez, quixo convidar á rapazada que asistiu ao acto a interesarse e participar tamén na iniciativa lúdico formativa Proxecta – Cidade a través da cal a mocidade pode colaborar a deseñar e mellorar aquelas contornas de uso público que frecuentan.

“Queremos que sexades parte activa da segunda gran transformación que estamos levando a cabo en Lugo, que compartades con nós o modelo de cidade no que estamos a traballar e que acheguedes a el, para completalo, as vosas suxestións. Temos un obxectivo conxunto que é o de mellorar a cidade, crear un municipio confortable para todos os públicos e de todas as idades, unha cidade sustentable e integradora, que permita todos os usos e que se brinde ao desfrute da veciñanza atopando nas rúas, nas prazas, nos espazos que nos son comúns un maior benestar”, concluíu.

Un convite no que, pola súa parte, tamén se reiterou o concelleiro Mauricio Repetto ao tempo que agradeceu ás e aos asistentes, así como ao persoal docente a súa implicación para que as actividades deste primeiro trimestre tiveran tan boa aceptación e resultados.

Noticias relacionadas