Lara Méndez entregou os diplomas aos derradeiros participantes do programa Lugo Emprego Activo 2

“Mentras haxa 7.700 desempregados no noso municipio, este Goberno seguirá traballando na creación de emprego”, destacou a Alcaldesa, quen animou aos participantes a aproveitar todas as oportunidades de formación posibles

O Lugo Emprego Activo 2, un proxecto financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo, contemplou 37 accións formativas nas que participaron 555 alumnos en total

Xoves, 12 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez entregou os diplomas aos derradeiros participantes do programa Lugo Emprego Activo 2

A Alcaldesa, Lara Méndez, entregou este xoves os diplomas aos 105 participantes das nove accións formativas da última fase do programa Lugo Emprego Activo 2, un proxecto subvencionando nun 80% polo Fondo Social Europeo que contou cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros. Trátase das accións formativas de coidador de persoas dependentes e enfermas de alzheimer, atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, operacións básicas de cátering, impresión dixital, monitor de ludotecas, operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas, operacións básicas de restaurante e bar, técnico en transporte sanitario e monitor de turismo activo; dirixidos aos lucenses con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, que tiveron lugar entre marzo e agosto. 

Durante a entrega de diplomas, Méndez mostrou o seu desexo de que “a formación adquirida sirva aos participantes para abrir novas portas e alternativas no mundo laboral”, ao tempo que lembrou a decidida aposta do Concello pola creación de emprego. “Mentras haxa 7.700 persoas desempregadas no noso municipio, este Goberno seguirá traballando na creación de emprego, creando un novo plan de emprego, que é un dos obxectivos da nosa acción de goberno, xunto ao benestar social”, asegurou a rexedora.
Neste senso, a Alcaldesa animou aos participantes a aproveitar todas as oportunidades de formación posibles, que ofrecen saídas laborais reais. “Nun mercado tan competitivo como o actual é necesario formarse continuamente e as actitudes e aptitudes son diferenciadoras”, indicou Méndez.

37 accións formativas e 555 alumnos

O Lugo Emprego Activo 2 contemplou 37 accións formativas nas que participaron 555 alumnos en total. O proxecto desenvolveuse en 5 fases, na 1ª e 2ª leváronse a cabo 14 accións formativas das que se beneficiaron 210 alumnos; e na 3ª, 4ª e 5ª realizáronse 23 accións con 315 alumnos beneficiados. Os participantes deste plan, cuxo índice de inserción é do 35%, recibiron formación teórico práctica encamiñada a desenvolver as súas capacidades e acadar un nivel adecuado do coñecemento para a súa inserción laboral no mercado laboral.

Noticias relacionadas