Fin de semana do máis cultural en Lugo cunha decena de actividades

Carmen Basadre avanzou a programación, que inclúe teatro, concertos, lectura de poemas, obradoiros e rutas pola cidade

O Concello realizou 10.000 postais das 10 portas da Muralla, que ofrecen a súa visión na antigüidade e na actualidade. Poden adquirirse no Centro de Interpretación da Muralla por un prezo de 20 céntimos

Mércores, 20 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Fin de semana do máis cultural en Lugo  cunha decena de actividades

O Concello de Lugo ten programado para esta fin de semana un feixe de actividades culturais, que foron anunciadas este mércores pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Así, este venres día 22, a partir das 18:30 horas, terá lugar unha función familiar do grupo lucense Lucecús Teatro no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Baixo o nome de A Verdadeira historia de Manuel de Paderna e basada sobre textos de Manuel María, principalmennte dos que saen das obras A tribo ten catro ríos e Cando o mar foi polo río, así como dos libros de poemas As rúas do vento ceibe e Os soños na gaiola, os artistas de Lucecús Teatro, baixo a dirección de Rubén Pérez, quen estivo presente na presentación, realizarán unha viaxe divertida e curiosa a través de varias historias que lle acontecen a Paderna, achegándolle aos espectadores temáticas como a soidade, o amor ou a loita persoal a través dun espectáculo comprometida coa cultura e a lingua galega, aproveitando a mirada de Manuel María, “o poeta lucense por excelencia” tal e como o definiu a edil, a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas.

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da plataforma www.lugoentradas.es e no propio auditorio dúas horas antes do comezo do espectáculo.

Outra das alternativas para este venres, é o concerto do alumnado do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, que se celebrará a partir das 20:30 horas nas instalacións deste centro. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do IV Ciclo de Música Contemporánea de Lugo, na que se interpretarán 6 pezas musicais.

Carmen Basadre fixo fincapé na dinamización cultural na cidade a través de iniciativas deste tipo, “ás que xa están acostumados os veciños e veciñas e visitantes pois a nosa oferta cultural contempla actividades ao longo de todo o ano, o que contribúe ademais á promoción turística de Lugo”. 

Lugo e o Día do Libro

O sábado, 23 de abril, Día do Libro, o Concello ten organizada unha quedada para ler poemas diante a Casa Consistorial, en xornada de mañá, de 12:00 a 14:00 horas, en homenaxe a Cervantes, pois este ano cúmprense 400 anos do seu pasamento, e de tarde, de 18:00 a 20:30 horas, en homenaxe a Manuel María. Todos os que queiran participar soamente teñen que achegarse á Praza Maior.

Este mesmo día, os máis cativos poderán elaborar un libro tridimensional no MIHL a partir das 12:00 horas, baixo as indicacións de creación literaria de Mau Marela. Aproveitando a visita o MIHL. tamén se poderán contemplar as creacións pictóricas e fotográficas que compoñen a mostra de 7 artistas lucenses, Achegando Disparidades.

A Banda Filarmónica de Lugo e Banda de Aveiro, poñeranse a banda sonora a este sábado, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. 

Rutas para coñecer Lugo de primeira man

Este sábado, ás 11:00 horas, arrincará a Ruta pola Vía XIX, dende Conturiz á Ponte Romana, co Senado de Lvcvs Augusti e co Clan do Breogán, un evento enmarcado dentro da programación do Lvcvs Cvltural. O punto de partida é a explanada de diante do Hotel Torre de Núñez. Todos os que queiran asistir aínda se poden inscribir no Servizo de Atención Cidadá 010.

No marco deste programa previo ao Arde Lvcvs, a asociación Civitas Lucensis e Lucus Equites, así como Lugdunum, Asemblearias e Pax Romana, realizarán obradoiros dende as 17:30 ás 20:00 horas en Montirón e no Sagrado Corazón.

O domingo celebrarase outras das excursisón do programa Terras de Auga e Cultura. Nesta ocasion, os participantes farán un percorrido de 17 quilómetros á beira do río Miño, dende o río Rato ata a Casa Grande da Fervenza. A hora de saída é ás 10:30 horas, no treito peonil da Ronda da Muralla con Bispo Aguirre. Os interesados en asistir poden inscribirse no Centro de Interpretación da Muralla, na Praza do Campo.

O antes e despois das portas da Muralla, en postais

Tal e como dera a coñecer a Concelleira no 15º Aniversario da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, o Concello realizou 10.000 postais das 10 portas da Muralla que ofrecen a súa visión na antigüidade e na actualidade, 1.000 de cada porta. Estas postais poden adquirirse no Centro de Interpretación da Muralla por un prezo de 20 céntimos.

“Trátase dunha homenaxe á Muralla, dando a coñecer que as portas da Muralla están sempre abertas, que a cidade é unha cidade aberta, de xente aberta e acolledora, que recibirá aos seus visitantes de forma moi grata e satisfactoria”, subliñou Basadre. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a nova programación de actividades culturais |Descargar mp3

Noticias relacionadas