A proposta, que se pon en marcha por primeira vez, está dirixida á rapazada de entre 14 e 35 anos como unha alternativa de ocio saudable cunha vertente didáctica que lles permitirá, ademais, descubrir a contorna.
Nocións de orientación e de primeiros auxilios son algúns dos conceptos que se impartirán no desenvolvemento do curso.
As persoas interesadas en participar poden anotarse a partir deste venres, 30 de xuño, na web www.lugomasxti.org
Ofreceranse 10 prazas en tres quendas, os sábados 8 e 22 de xullo e o 5 de agosto, que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición.

O Goberno de Lara Méndez, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións, adscrito á concellería de Xuventude, pon en marcha unha nova actividade formativa dentro do Programa +XTI 2023 subvencionado polo Ministerio de Sanidade (Plan Nacional sobre Drogas (PNsD)).
A proposta, denominada AVENTURALÉZATE, ten como vocación ofrecer unha alternativa de ocio e lecer vinculada á natureza dende o punto de vista da experimentación, o aprendizaxe e a adquisición de recursos e habilidades, vinculada ao ‘BUSHCRAFT’ que propicia o desenvolvemento de coñecementos para sobrevivir e prosperar no medio natural.
“Cun carácter innovador, xa que esta é a primeira vez que se realiza, AVENTURALÉZATE persegue ofrecer á mocidade lucense a posibilidade de gozar da contorna, descubrir os recursos que nos rodean, así como a flora e a fauna, proporcionando nocións moi útiles baixo un formato lúdico de diversión saudable, que ten como escenario a montaña e como finalidade, o entretemento e a aventura”, sinalou o concelleiro Mauricio Repetto.
A actividade, de carácter gratuíto, será impartida por profesionais con ampla experiencia na materia e celebrarase os sábados 8 e 22 de xullo e o 5 de agosto, en horario de 10:00 a 18:00 horas. Está dirixida á rapazada de entre 14 e 35 anos.
Cada unha destas tres quendas ofrece 10 prazas que serán cubertas por rigorosa orde de inscrición.
As persoas interesadas en participar poderán anotarse a partir deste venres, 30 de xuño, na páxina www.lugomasxti.org