Chega a Lugo a exposición ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’ de Pepe Carreiro

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro inauguraron a mostra que contou coa presencia de representantes da Federación Galiza Cultura.

Poderase visitar no Vello Cárcere ata o 31 de maio.

Xoves, 03 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Chega a Lugo a exposición ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’ de Pepe Carreiro

O Vello Cárcere acolle desde hoxe a exposición ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’ do recoñecido debuxante Pepe Carreiro. O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, estiveron presentes no acto de inauguración da mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro 31 de maio "nunha das instalacións culturais máis destacadas de Lugo", segundo destacou a edil de Cultura. 

A exposición, composta por 50 pezas que reflicten a forza creativa e satírica do autor, poderá visitarse ata o 31 de maio nos espazos do Vello Cárcere. O nome da mostra, ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’, resume perfectamente o estilo do autor: unha primeira frase seria e ambiciosa, que se complementa cun toque irónico na segunda parte. Esta dualidade caracteriza a obra de Carreiro, quen leva décadas destacando pola súa capacidade crítica e pola síntese expresiva tanto no debuxo como no texto. 

Pepe Carreiro é un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos. Fundador das publicacións Can sen Dono e Xo!, é considerado un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao.

Maite Ferreiro convidou á veciñanza a desfrutar "dunha exposición que é unha oportunidade única para achegarse ao humor gráfico galego e á obra dun dos seus máximos expoñentes".

Multimedia

  • Chega a Lugo a exposición ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’ de Pepe Carreiro
  • Chega a Lugo a exposición ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’ de Pepe Carreiro

Noticias relacionadas