A área de Participación anuncia o protocolo para as visitas no cemiterio municipal durante o día de Defuntos

Cristina López: “este ano será unha data especial para as persoas que perderon un ser querido durante o confinamento”

O recinto adaptarase a un maior número de visitantes, habilitando distintas portas para a entrada e a saída

Xoves, 15 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Participación anuncia o protocolo para as visitas no cemiterio municipal durante o día de Defuntos

A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, deu conta das medidas que se habilitarán no Cemiterio Municipal para a ponte do día de Defuntos. “Se habitualmente temos un gran número de visitas nestas datas, este ano a situación será excepcional debido ás limitacións que moitas familias tiveron á hora de despedirse dos seus seres queridos durante o confinamento”, explicou Cristina López, que anunciou que “durante os días previos e posteriores ao 1 de novembro, habilitaremos medidas especiais para o control de cabida e garantir o cumprimento dos distintos protocolos”.

Poderase visitar o cemiterio entre as 14 e as 19 horas entre o 24 e o 31 de outubro, agás o domingo 25, que se habilitará o horario de visita a partir das 11 da mañá. O 1 de novembro, as visitas poderán realizarse entre as 10 e as 19 horas, e o día 2, entre as 14 e as 18. O recinto adaptarase a un maior fluxo de visitantes, creando circuítos diferenciados para a entrada e saída, que se realizarán por distintas portas. Ademais, contarase con persoal de seguridade de reforzo, e as visitas terán unha duración máxima de 30 minutos.

“Pedimos á veciñanza que escalone as visitas durante todos os días para evitar masificacións o día 1”, afirmou Cristina López, que explicou que “a cabida estará limitada a 3 persoas por unidade de enterramento e serán de obrigado cumprimento as medidas habituais no tocante ao distanciamento social e á hixiene”.

Noticias relacionadas