Cristina López presenta o X concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo

O certame premiará tres fotografías con 600, 400 e 200€.

Luns, 04 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentou unha nova edición do concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo, organizado anualmente polo Goberno de Lugo. Cristina López destacou que "este concurso é xa unha cita marcada no calendario das fotógrafas e fotógrafos de Lugo e na programación anual do cemiterio".

O X Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo terá lugar do 15 ao 30 de novembro, e nesta edición versará sobre a simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. Premiaranse tres fotografías, con 600, 400 e 200 euros cada unha.

Nesta ocasión limítase ao ámbito xeográfico do Concello de Lugo, abranguendo tanto o cemiterio municipal de San Froilán como os cemiterios parroquias existentes.

As bases do concurso aparecen publicadas no BOP de hoxe e estabelecen que os traballos presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou achegaranse por calquera outro medio telemático. Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías inéditas e orixinais para este evento, non podendo estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria, e cada fotografía achegarase impresa en soporte ríxido (cartón pluma ou similar) en formato 30 x 40 cm ou superficie equivalente aproximadamente. Cada fotografía irá acompañada do seu arquivo dixital.

Noticias relacionadas