O Concello informou en 13 días a licenza para demoler o Xeral e poderá aprobala a vindeira semana sempre que a Xunta pague antes as taxas

Xoves, 22 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Trece días despois de que a Xunta rexistrara no Concello a solicitude de licenza de obra para a demolición do Vello Xeral, a entidade local xa ten informado de xeito favorable o expediente, e elevará a súa aprobación á Xunta de Goberno o vindeiro mércores, día 28, sempre e cando Sanidade pague antes as taxas de licenza preceptivas. Como informou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, onte mesmo, técnicos municipais se puxeron en contacto cos da Administración autonómica para comunicarlles que a licenza estaba favorablemente informada e que, para aprobala en Xunta de Goberno, é imprescindible aboar as taxas correspondentes, por importe duns 23.000€.

Así, queda de manifesto a axilidade coa que actúa o Concello, cumprindo o que sempre afirmou, prestar toda a colaboración posible para que poidan saír adiante canto antes as actuacións anunciadas pola Xunta hai case ano e medio no barrio da Residencia.

Para poder construír a residencia da terceira idade que comprometeu no espazo do antigo Xeral, o Goberno galego tería que reactivar os trámites administrativos que paralizou con total escurantismo o pasado mes de maio para ampliar os usos dos terreos, pois a día de hoxe, segundo establece un real decreto do ano 90, só poden ser sanitarios. De feito, debido a este freazo no procedemento, das 6 actuacións que alí prometeu, na actualidade só se pode construír o centro de saúde integral. Sobre os motivos deste parón, o Goberno galego deu ata tres versións distintas en quince días.

Noticias relacionadas