A alcaldesa destacou que a actuación non se limita a crear novos espazos e reparar as instalacións, senón que aborda de forma conxunta as necesidades do recinto e a posta en valor dunha feira de 1865 que é a única tradicional que segue activa no municipio
Luns, 14 de setembro de 2026
Fonte:
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo xa ten o proxecto de adecuación e dotación de servizos do Campo da Feira de Nadela, situado na carballeira municipal deste núcleo. A actuación parte das necesidades detectadas nas instalacións actuais e propón unha intervención que permita mellorar as condicións de uso do recinto e, ao mesmo tempo, conservar os elementos existentes que forman parte da súa configuración.
A Feira de Nadela ten a súa orixe oficial en 1865 e, segundo recolle o propio proxecto, é a única feira tradicional que segue activa actualmente no municipio de Lugo. O documento destaca así mesmo o seu carácter de símbolo do rural lucense e a súa importancia histórica como lugar de encontro e actividade comercial.
“Cando tomamos a decisión de actuar no Campo da Feira de Nadela non estamos pensando unicamente nunha obra. Estamos pensando en conservar unha parte da nosa historia, da nosa cultura e da identidade do noso rural. A Feira de Nadela leva máis de 160 anos formando parte da vida deste municipio e queremos que siga tendo futuro”, sinala Elena Candia.
En que consiste o proxecto
O proxecto contempla a construción dunha nova caseta cuberta, cunha superficie construída de 80 metros cadrados e 74,52 metros cadrados útiles. Este novo espazo permitirá resgardarse da chuvia e do sol e poderá acoller as persoas que acoden á feira a comer o 15 e o penúltimo día de cada mes. Tamén se prevé que este espazo sexa utilizado pola parroquia para reunións e eventos socioculturais.
A actuación tamén permitirá mellorar os servizos necesarios para a actividade vinculada á preparación e venda de comidas, mediante as acometidas de auga, saneamento, electricidade e iluminación previstas no proxecto. Na actualidade, a zona onde se prepara o polbo carece destas instalacións adecuadas, polo que a actuación busca resolver estas carencias.
Outro dos elementos destacados é a reconstrución dos aseos, que se manterán na súa localización actual pero ampliando a superficie baixo a cuberta existente. Contarán ademais cunha unidade accesible e coas instalacións necesarias.
Tamén se actuará sobre as augas pluviais, reconducindo a canalización existente para evitar o encharcamento do campo, e sobre as instalacións aéreas de electricidade e telecomunicacións, que se prevé enterrar para retirar o cableado do interior do campo.
A intervención completarase coa reparación do asfaltado, a nivelación dos accesos aos alpendres e a reconstrución das beirarrúas situadas nas zonas nas que se actúa.
Poñer en valor a historia da Feira
O proxecto inclúe igualmente a conservación e reparación dos antigos alpendres. Entre as actuacións previstas figuran a solución dos problemas de filtracións e humidades, a limpeza da estrutura das cubertas e da cubrición de pizarra, a reparación das goteiras e o pintado dos pavimentos con pintura antideslizante. Precisamente nos alpendres está prevista a montaxe dunha exposición con fotografías históricas da Feira de Nadela.
Colaboración coa Consellería do Medio Rural
Precisamente esta mañá, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, reuniuse coa conselleira do Medio Rural para abordar o proxecto de adecuación e dotación de servizos do Campo da Feira de Nadela.
O Concello de Lugo rexistrou o pasado venres a solicitude de axuda para este proxecto, que contempla un investimento total estimado de 413.469,82 euros. O proxecto establece un prazo de execución estimado de seis meses.




