A regularización definitiva das vivendas da Croa que impulsou Lara Méndez entra na recta final da súa tramitación

Logo de derrubar varias edificacións deshabitadas que ocupaban os terreos, os técnicos municipais avalían agora o proxecto de reurbanización da contorna levado a cabo.

A súa certificación será o paso definitivo que permita rexistrar as parcelas a nome do Concello e transmitirllas aos seus titulares definitivos.

Venres, 18 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A regularización definitiva das vivendas da Croa que impulsou Lara Méndez entra na recta final da súa tramitación

O procedemento para entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas da Croa as escrituras das mesmas segue o seu curso segundo o previsto.

Esta mañá, o tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández, explicaba no seo da Comisión de Sostibilidade Urbana que, toda vez que varias edificacións deshabitadas que ocupaban os terreos foron xa demolidas e que se elaborou o proxecto de reparcelamento dos predios, “os servizos municipais implicados están a verificar nestes momentos que a reurbanización que se levou a cabo na zona se adecúa ás condicións esixibles, tras o cal procederase á inscrición das parcelas resultantes no Rexistro da Propiedade”.

“Será entón cando, xa sendo propiedade do Concello a todos os efectos poidan ser obxecto de transmisión aos seus titulares definitivos”, sinalou o concelleiro.

Fernández recordou que a Administración local realizou no último ano un investimento de 36.728 euros para eliminar unhas pequenas construcións sen uso e crear unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais que mellorarán a contorna e propiciarán o seu uso por parte da cidadanía.

Noticias relacionadas