A primeira xuntanza coa veciñanza dos Orzamentos Participativos celebrarase mañá no Sagrado Corazón

A reunión comezará ás 20:00 horas, no local social dos maiores. Ademais desta ferramenta de participación, pódense facer achegas a través da web loop.lugo.gal ou ben no Rexistro Xeral do Concello ata o 9 de setembro.

Martes, 07 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A primeira xuntanza do Goberno de Lugo coa veciñanza sobre os Orzamentos Participativos celebrarase mañá mércores, 8 de agosto, no barrio do Sagrado Corazón. A reunión para implicar á cidadanía neste proceso, no que poderá decidir en que e en onde investir os orzamentos municipais, e para que achegue as súas propostas para materializar as súas necesidades, inquedanzas ou aportacións; comezará ás 20:00 horas, no local social dos maiores. Deste xeito, os lugueses e luguesas poderán, unha vez máis, decidir de forma directa o destino de 350.000 euros con cargo ao presuposto deste 2018. Tras esta reunión, o Goberno achegarase a outras barrios da cidade. O Concello informa destas reunións tanto na súa web www.lugo.gal como nas redes sociais.

Esta é a primeira fase dos orzamentos participativos, a recollida de propostas de diferentes investimentos de ata 15.000 euros, que estará aberta ata o 9 de setembro. Ademais desta ferramenta de participación, os veciños e veciñas poden facer chegar as súas ideas a través da web loop.lugo.gal ou ben no Rexistro Xeral do Concello. Nesta fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballos.

Obxectivos dos Orzamentos Participativos

Este proceso de participación veciñal persegue tres obxectivos fundamentais:

  • Fomentar a participación a través dun exercicio público transparente, procurando a maior participación veciñal posible, que permita a vinculación activa das e dos lucenses co desenvolvemento local do seu municipio.
  • Promover que a cidadanía non sexa simple observadora dos acontecementos e decisións, e que poida converterse en protagonista activa do que ocorre no seu municipio, tanto nas zonas  urbanas coma nas rurais; afondando así na democracia participativa.
  • Mellorar a comunicación entre Concello e veciñanza, xerando espazos nos que achegar ideas que incentiven o consenso sobre a forma de como deben gastarse os recursos municipais, ao tempo que serve de instrumento para promover a solidariedade entre a cidadanía e os seus barrios.

Máis información en https://loop.lugo.gal/

Audio

  •  Primeira xuntanza coa veciñanza dos Orzamentos Participativos| Descargar mp3

 

Noticias relacionadas