A peonalización da Milagrosa, a primeira obra do Plan de Barrios e a renovación de dous campos de fútbol, a contratación por 900.000€

A Xunta de Goberno aprobou estes catro novos proxectos, co que, dende a entrada en vigor dos Orzamentos, o Executivo sacou a licitación sete importantes actuacións por importe conxunto de 1,6M€, coas que avanza na materialización do seu modelo de cidade mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas

Mércores, 06 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno deu luz verde este mércores á saída a contratación de catro novos proxectos por un importe total de 900.000€. Trátase da peonalización do entorno da praza da Milagrosa, con 220.000€ de investimento e 6 meses de prazo de execución; a reurbanización integral da rúa Torre de Doncos, nas Gándaras, (176.000€ e 4 meses de prazo), actuación coa que arranca o Plan de Barrios; e a renovación do céspede artificial dos campos de fútbol municipais da Cheda e Frigsa, froito dun convenio de colaboración coa Deputación de Lugo, con 235.000€ e 265.000€ de orzamento, respectivamente, un mes e medio de prazo de execución cada un.

Entre estas catro actuacións e as tres que xa licitou (novo párking público enfronte ao HULA, 7 aparcadoiros disuasorios e instalación do ascensor público de Fontiñas), o Executivo de Lara Méndez ten a contratación 1,6M€ por 7 obras públicas dende a entrada en vigor dos Orzamentos deste ano, proxectos cos que avanza na materialización do seu modelo de cidade mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas.

Peonalización A Milagrosa

A peonalización inclúe o tramo da rúa Milagrosa, entre a rúa Doutor Yáñez Rebolo e Curros Enríquez, dando continuidade á Praza da Milagrosa e á rúa Divina Pastora, cuxa peonalización permitiu xa no seu día dinamizar esta zona. Para elo, é precisa a reurbanziación total do espazo, dado a disparidade de pavimentos existentes e a distintos niveis, calzada e beirarrúa, con diversas pendentes; para facelo continuo e permitir ademais a correcta evacuación das augas. Así mesmo, darase solución aos distintos elementos de mobiliario da praza, como o quiosco, xogos e bancos, coa finalidade de satisfacer as necesidades de funcionalidade dun espazo humanizado, dunha zona de reunión, de esparexemento e de lecer.

A Praza da Milagrosa pavimentarase cun material urbano ecolóxico fabricado con elementos de reciclaxe, unha premisa enmarcada dentro do compromiso que ten o Goberno cun desenvolvemento respectuoso co medio ambiente. Un dos obxectivos que o Concello baralla con este proxecto é manter o arboredo actual e os espazos de descanso, á sombra, de hoxe en día. Para elo, crearase unha zona axardinada no lado este, dotada de céspede e rego automático, conservando as árbores existentes e dispoñendo o mobiliario na súa contorna. Tamén se colocarán bancos de madeira e papeleiras. A zona de xogos retirarase da ubicación actual e esta zona pavimentarase a nivel co frente da igrexa, canalizando o tránsito peonil entre esta zona e a rúa Divina Pastora.

Manteranse os puntos de luz en fachada e substiturianse as farolas existentes por un modelo de maior eficiencia, con iluminación LED, dentro da política municipal de conseguir unha cidade enerxética sostible.

A zona de carga e descarga situarase no tramo da rúa Milagrosa, entre as interseccións con Doutor Yáñez Rebolo e rúa Mallorca, o que permite un acceso cómodo aos negocios; e a praza de aparcadoiro reservado a persoas con mobilidade reducida siturarase na rúa Doutor Yáñez Rebolo, próxima ao paso de peóns, o que garante un itinerario accesible ata a praza.

Plan de Barrios: rúa Torre de Doncos

Os traballos, cos que arranca o Plan de Barrios, consisten na renovación dos firmes e pavimentos da calzada e as beirarrúas (que pasarán a ter 1,5ms en cada marxe), unha modificación lixeira da rasante da rúa para adaptala ás entradas das vivendas e garaxes, a substitución das redes de saneamento e abastecemento, a dotación de novo alumeado, que levará consigo o soterramento do cableado e a instalación de luminarias sobre báculos ao longo de toda a rúa, e a sinalización horizontal e vertical.

No marco do Plan de Barrios, o Goberno ten a día de hoxe contempladas outro medio cento de actuacións, tanto de pavimentación, como de humanización, renovación de redes de abastecemento e saneamento, accesibilidade e dotación de mobiliario urbano.

O voceiro destacou que con este plan, “froito do esforzo inversor que fixemos nos orzamentos para materializar o noso modelo de cidade, máis cómoda, accesible e humana, contribuímos ademais a reactivar os barrios, conscientes de que foi onde máis se resentiron os investimentos durante os anos de maior dureza da crise”. Ao mesmo tempo, “permite cubrir o mellor e máis áxil posible as necesidades dos veciños e veciñas, mellorando de maneira directa a súa calidade de vida, e materializar as propostas aprobadas pola Corporación no Pleno”.

Campos de fútbol da Cheda e Frigsa

Froito cun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Deputación de Lugo, o investimento destinado á renovación das instalacións da Cheda é de 235.000 euros e para as de Frigsa contémplanse 265.000 euros. O voceiro e Concelleiro de Deportes estima que as actuacións estarán rematadas despois do verán. As obras nestes dous campos consistirán na renovación do sistema de céspede artificial, que debido ao desgaste, xa aconsella a súa renovación. Con este investimento dotarase a estes dous campos de fútbol dun céspede de ultima xeración e adaptado ás normas e esixencias actuais.

Miguel Fernández agradeceu “a sensibilidade e apoio” que sempre amosa a Deputación cara a cidade de Lugo, o que se traduce neste convenio para a mellora dos campos de fútbol municipais, pero tamén noutros proxectos conxuntos que xa están en marcha, como a humanización da avenida Duquesa de Lugo, cun investimento de 1 millón de euros, o Plan Único, con máis de 1M€ entre o 2017 e o 2018, ou o alumeado do Paseo do Rato, adxudicado por 750.000€.

A mellora dos campos de fútbol dá resposta a unha “crecente e xusta” demanda dos usuarios, pois os céspedes da Cheda e Frigsa non se renovan dende hai máis de 10 anos, o período que se estima de vida útil, explicou o voceiro municipal.

Por estes campos de fútbol municipais pasan unha media de 500 persoas ao día –só polo da Cheda, máis de 150-, entre adestramentos e competicións a nivel federativo, deporte base e veteranos, o que dá boa conta “do gran impacto social que terán as actuacións recollidas neste convenio”, subliñou a rexedora.

A maiores destas melloras que se acometerán en colaboración coa Deputación, o Goberno local, cun investimento de 230.000€ de fondos propios renovará o céspede do campo das Gándaras I, colocado no ano 2008. Deste xeito, para unha vindeira fase, restarán os das Gándaras II e Polvorín.

Noticias relacionadas