A alcaldesa de Lugo participou na inauguración da ‘Feira de primavera de emprendedoras: Innovando no rural’ celebrada na Praza da Mosqueira.
“É fundamental recoñecer o impacto positivo que teñen todas elas na fixación de poboación, a xeración de emprego e a redución das desigualdades”, destacou a rexedora.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou na inauguración da ‘Feira de primaveira de emprendedoras: Innovando no rural’, celebrada na Praza da Mosqueira. No evento, que ten como obxectivo a visibilización de proxectos empresariais liderados por mulleres no ámbito rural galego, un total de 22 emprendedoras de Lugo expoñeron os seus produtos e servizos nas diferentes casetas da mostra.
Alvarellos Fondo puxo en valor “o impacto positivo que teñen todas elas na fixación de poboación, a xeración de emprego e a redución das desigualdades. O seu esforzo e dedicación son chave para a construción dun futuro máis xusto e equitativo na súa contorna, onde as oportunidades poidan ser accesibles para todos e todas”.
Ao longo da xornada celebráronse diversas mesas redondas nas que destacadas emprendedoras falaron sobre a súa experiencia, os retos que enfrontaron cando botaron a andar os seus proxectos e as axudas as que poden acudir quen acaban de chegar ao ecosistema emprendedor. “Desde o noso goberno continuamos apostando pola innovación e o emprendemento. Iniciativas como o fondo de capital risco Lugo Transforma, que mobilizou 12 millóns de euros, demostran o noso compromiso. Ademais, brindamos apoio e asesoramento directo aos emprendedores e emprendedoras a través dos viveiros municipais”, recordou ao respecto a alcaldesa de Lugo.
Alvarellos destacou tamén “o carácter rural do Concello de Lugo que é, sen dúbida, un dos nosos elementos de identidade máis característicos”. A rexedora subliñou ao respecto que: “Desde o equipo, que teño a honra de liderar, traballamos incansablemente para atender as necesidades das nosas 54 parroquias. Preocupámonos por dotalas das infraestruturas necesarias, pero tamén por converter cada recuncho de Lugo nun lugar idóneo para desenvolver proxectos vitais e laborais”.
Por último, a alcaldesa volveu incidir na “importancia de darlle voz a quen hoxe participades nesta feira porque sodes e seredes as protagonistas dunha nova época de prosperidade no rural e na que Lugo será unha cidade chea de oportunidade”.


