A rexedora puxo en valor o papel das patronais na desestacionalización turística de Lugo, dando continuidade ao Caudal Fest e abrindo a porta á programación de Nadal.
A tendencia á baixa dos delitos no recinto consolidouse grazas ao control móbil da Policía Local, que permitiu unha importante redución de hurtos e outras infraccións.
A alcaldesa quixo agradecer o traballo dos servizos municipais, subliñando que “o seu compromiso e dedicación foron fundamentais para o éxito das festas.”

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, fixo un balance moi positivo do San Froilán 2024, e destacou que a festa tradicional máis importante de Galicia se consolidou como un referente en convivencia, seguridade, limpeza e impulso económico para a cidade. “Estamos especialmente satisfeitos porque as patronais amosaron, unha vez máis, a súa capacidade para atraer visitantes e dinamizar a nosa cidade, dando continuidade ao éxito do Caudal Fest e servindo como preámbulo para a campaña de Nadal, na que xa estamos a traballar para ofrecer unha programación completa e atractiva,” afirmou.
A rexedora subliñou a importancia de que o San Froilán, o maior evento de exaltación da identidade lucense, se consolidase como unha celebración de convivencia exemplar, onde lucenses e visitantes puideron gozar dun ambiente cívico e seguro ao longo de todas as xornadas. "O noso obxectivo é que as festas sigan a ser un espazo de encontro e disfrute para todos," sinalou. Asemade, a alcaldesa destacou a importancia de seguir potenciando a desestacionalización turística de Lugo, aproveitando eventos como o San Froilán para alargar a actividade económica e social da cidade durante todo o ano. "Estas festas son unha excelente oportunidade para mostrar todo o que Lugo pode ofrecer a nivel cultural e turístico, tanto para os que nos visitan como para os lucenses," engadiu.
No ámbito da seguridade, Alvarellos puxo en valor “o éxito do dispositivo de control móbil da Policía Local, que se instalou no recinto feiral para vixiar en tempo real a afluencia de público e garantir unha resposta rápida ante calquera incidencia”. Este punto de control, situado na Praza Horta do Seminario, estivo conectado a un sistema de cámaras estratéxicas, tanto fixas como portátiles, que permitiron unha monitorización continua das zonas máis concorridas. “Foi coma ter un policía en cada punto ao mesmo tempo, o que nos permitiu reducir significativamente os hurtos, un dos delitos máis habituais no ferial, e desfrutar dunhas festas tranquilas e seguras,” destacou a rexedora.
En canto á limpeza, o dispositivo especial coordinado pola Área de Transición Ecolóxica mobilizou un despregue importante de recursos mecánicos e humanos, con equipos de barredoras eléctricas e camións cisterna para baldeo, entre outros. O reforzo das brigadas de limpeza, especialmente nas primeiras horas da mañá, foi clave para que as zonas máis concorridas, como a Praza Maior, a Horta do Seminario e as casetas do polbo, se mantivesen en condicións óptimas a diario. “A planificación e o esforzo a primeira hora garantiu que a actividade diaria en Lugo se desenvolvese con normalidade, mesmo nas xornadas de maior afluencia,” explicou Alvarellos.
Finalmente, a rexedora quixo agradecer de maneira especial o esforzo de todos os traballadores e traballadoras municipais, cuxa dedicación foi esencial para o éxito do San Froilán: “O éxito destas festas non sería posible sen o labor incansable de todo o equipo municipal, que garantiu que cada aspecto das festas se desenvolvese con normalidade, desde a limpeza ata a seguridade, pasando pola xestión das actividades”, concluíu.

